O SERVIZO DE RADIOLOXÍA DO CHUVI RECIBE UN PREMIO NACIONAL

O traballo premiado resume as achegas da tomografía computerizada (TC) no estudo do ventrículo dereito, de gran interese no prognóstico de patoloxías como a embolia pulmonar e a hipertensión pulmonar
Este traballo é froito da colaboración entre radiólogas e cardiólogos da nova Unidade de Imaxe Cardíaca posta en marcha o pasado ano

O servizo de Radiodiagnóstico do hospital Álvaro Cunqueiro ven de recibir un premio nacional no último congreso da Sociedad Española de Imagen Cardiotorácica no que participaron 180 facultativos. O póster educacional titulado «Ventrículo derecho: ¿qué aporta la TC?» foi premiado como un dos 3 mellores traballos científicos de imaxe cardíaca.

Este estudo pon en valor as achegas da TC no estudo do ventrículo dereito, que durante tempo ten sido o lado esquecido do corazón, pero cada vez máis se recoñece o seu papel en moitas enfermidades cardiovasculares.

Segundo afirma a autora principal deste estudo, a radióloga Paula Rodríguez, “tradicionalmente, as técnicas de imaxe cardíaca orientábanse á valoración do ventrículo esquerdo porque sempre tivo máis importancia na patoloxía do corazón; sen embargo, nos últimos tempos constatamos que a TC aporta información importante do ventrículo dereito que resulta útil para o prognóstico de determinadas patoloxías, como a embolia pulmonar aguda ou a hipertensión pulmonar, entre outras. Aínda que a ecocardiografía e a resonancia magnética son as técnicas de diagnóstico por imaxe de primeira liña, a TC permite valorar a disfunción ventricular dereita que é fundamental para o manexo de certas entidades e serve de apoio ó diagnóstico en outras  como a miocardiopatía arritmoxénica ou os tumores cardíacos”.

Outro dos procedementos nos que este estudo resulta moi útil é nas intervencións percutáneas para a reparación ou substitución da válvula tricúspide. A TC aporta información  fundamental para a planificación do procedemento, a elección da medida e tamaño das próteses e  incluso a elección do mellor momento para realizar esa intervención.

Unidade de Imaxe Cardíaca

Este estudo é froito do traballo conxunto que veñen realizando radiólogas e cardiólogos na nova Unidade de Imaxe Cardíaca, posta en marcha o pasado ano. A Unidade dotouse cun novo equipamento de alta tecnoloxía específico, 1 TC e 1 Resonancia Magnética.

A nova Unidade ten por obxecto incrementar a eficiencia e calidade dos estudos de imaxe avanzada cardiovascular –ao unir a experiencia de radioloxía e cardioloxía- e ampliar así a capacidade diagnóstica das patoloxías cardíacas grazas ao traballo coordinado entre ambas especialidades. Así mesmo, pretende tamén xerar coñecemento a través do fomento da investigación neste ámbito.