FERNÁNDEZ-TAPIAS SUPERVISA AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DO NOVO CENTRO DE FORMACIÓN E RECURSOS DO PROFESORADO

A decisión do Concello de expulsar aos docentes do Instituto Municipal de Educación que ocupaban desde hai máis de 30 anos, obrigou á Xunta a buscar unha alternativa
A delegada territorial en Vigo informou que os traballos, nos que se están a investir máis de 236.000 euros, avanzan a bo ritmo e remataran o vindeiro mes de febreiro

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o edificio contiguo ao CEIP Virxe do Rocío para supervisar as obras de acondicionamento do inmoble que albergará a sede administrativa do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR).

Unha intervención na que o Goberno galego está a investir máis de 236.000 euros para adaptar o inmoble ao novo servizo. Neste sentido, a representante autonómica recordou que esta actuación vén condicionada pola decisión municipal de «expulsar» aos docentes do  edificio de O Chouzo, no que viñan recibindo formación desde hai máis de 30 anos.

Insistiu en que a Administración galega viuse obrigada a buscar unha alternativa tras anunciar o Concello vigués que o Instituto Municipal de Educación que ata o ano pasado ocupaba o Centro de Formación e Recursos do Profesorado ía ser destinado á escola infantil de Santa Marta, que tivo que pechar no Casco Vello debido ás obras de urbanización do Barrio do Cura.

Así, durante a visita na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez, a directora do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, Consuelo Rivera e a directora do CEIP Virxe do Rocío, Ángela Novoa, e técnicos do departamento autonómico, informou que a intervención avanza a bo ritmo e que previsiblemente en febreiro estará terminada.

Uns traballos que, tal e como informou, consistiron en adecuar os espazos ás novas necesidades, corrixindo algunhas patoloxías existentes na edificación e realizando cambios de distribución na procura de mellorar a súa funcionalidade.

Intervencións que abarcaron desde a cuberta do edificio á substitución de materiais construtivos tanto  interiores como exteriores (carpintería, tabiquería, pintado, acabados e substitución de sanitarios). Asemade, realizáronse actuacións de fontanería, saneamento, calefacción e iluminación.

Segundo precisou Fernández-Tapias, a instalación é compatible cos usos actuais do edificio, que teñen unha parte ocupada para actividades complementarias e extraescolares, pero que dispoñía de espazos libres.