O PP de Vigo lamenta a “escasa” programación municipal co gallo do Día das Letras Galegas e propón encher a rúa de actividades culturais

O grupo popular no Concello avoga por organizar lecturas participativas, concertos de música en galego, un premio literario anual, murais de arte urbana dedicados ás persoas homenaxeadas e xogos de escapismo
O concelleiro Fernando González Abeijón considera “contraditorio” que Abel Caballero inaugure esta noite a Feira de Abril e, ao mesmo tempo, ignore a literatura galega nunha data tan sinalada

O Partido Popular de Vigo lamentou este xoves a “escasa” programación municipal existente na cidade co gallo do Día das Letras Galegas. O grupo popular no Concello bota en falta unha maior aposta do Gobierno local con esta celebración tan importante para a literatura galega. Unha “proba”, a xuízo da formación, do “alérxico” que é Abel Caballero a todo o relacionado coa cultura.

En contraposición con esta actitude, o PP vigués propón organizar unha serie de actividades que vaian máis alá das que adoitan a acoller bibliotecas ou museos. O Partido Popular avoga por levar o Día das Letras Galegas á rúa cunha lectura pública e participativa de textos do autor ou da autora a quen se dedica a xornada. “Unha actividade sinxela, que non é nova, pero que debería de instaurarse como un hábito”, segundo sinala o concelleiro Fernando González Abeijón.

Para o grupo municipal do PP, a Porta do Sol podería ser o escenario principal desas actividades, entre as que se incluiría un concerto de balde de música en galego. De xeito paralelo, o edil cre “interesante” organizar conversas literarias, da man de expertos, arredor da figura do escritor ou da escritora en cuestión.

González Abeijón tamén suxeriu a creación dun certame municipal de literatura en galego “cunha dotación económica atractiva” que empece a converterse en referencia en Galicia. Un premio que sería entregado cada 17 de maio nun acto no que tamén se podería recoñecer a figura dos vigueses neofalantes.

A maiores, o Partido Popular propón que o programa de arte urbana ‘Vigo, cidade de cor’, que precisamente se desenvolve en primavera, dedique cada ano un dos seus murais á persoa homenaxeada, para así “despregar pola cidade un museo pictórico-literario”. O PP de Vigo non esquece os tradicionais obradoiros infantís ou as actividades xuvenís, como xogos de escapismo relacionados coa literatura.

Para González Abeijón, resulta “contraditorio” que Abel Caballero “inaugure esta noite por todo o alto o alumeado da Feira de Abril, o cal está moi ben e o cal apoiamos, e mentres tanto non promova unha programación á altura para o Día das Letras Galegas”. Unha situación que, segundo incidiu, “fala por si mesma”: “Caballero acendendo as luces dunha festa mentres ignora o mundo da cultura”.