O CONSORCIO CASCO VELLO DE VIGO SACARÁ A CONCURSO SEIS NOVAS VIVENDAS DE PROTECCIÓN AUTONÓMICA

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos de reforma do edificio de Elduayen 31-Ferrería 10

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos de rehabilitación do edificio Elduayen 31 e Ferrería 10 que xa están na súa última fase de obra para poder saír a concurso nas vindeiras semanas.

O CCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, investiu un total de 1,4 millóns nesta reforma, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta última actuación suporá a posta a disposición da cidadanía de 6 novas vivendas de protección autonómica, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.

Os condicionantes urbanísticos do solar, de 182,74 metros cadrados, recollidos no Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Casco Vello, implicaron a necesidade de manter o patio interior e, en consecuencia, a reformulación do proxecto inicial. Deste modo, aínda que funcionarán coma unha comunidade única, unida pola planta baixa, manteranse na práctica dous edificios; un con fachada cara a rúa Elduayen de cinco plantas e o outro a Ferrería de tres.

Seis promocións con 22 vivendas

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Ademais, a cifra de investimento pode incrementarse en 1,3 millóns de euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes. Ademais da mencionada reforma de Elduayen, o PAIF 2024 contempla investimentos na rehabilitación de outros cinco edificios (Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería, 16; Hortas, 2-4-San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas de protección autonómica.