A VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN LUISA SÁNCHEZ DESTACA O APOIO DA DEPUTACIÓN AOS EMPRENDEDORES NO VERTICAL WORK CAFÉ SANTANDER

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe no evento Vertical Work Café Santander, en Vigo, co que este espazo emprendedor celebrou o seu terceiro aniversario e que acolleu catro mesas redondas que xiraron arredor da Galicia emprendedora, o tecido empresarial, o liderado sostible na industria da moda e a gastronomía como referente. A vicepresidenta provincial remarcou a vontade da Deputación de “escoitar á sociedade”, pois  “desde as administracións non se poden tomar decisións para fomentar o desenvolvemento do ámbito económico privado sen tender pontes e analizar todo o que nos podedes dicir desde el”. E aproveitou para lembrar e poñer en valor o programa SmartPeme da institución provincial, “que axuda a persoas emprendedoras e pemes a adaptarse ao escenario dixital con formación para a aplicación das novas tecnoloxías ao seu campo de traballo”.

No Vertical Work Café Santander, que reuniu a emprendedores e empresarios de diferentes sectores, David Suárez, CEO de Diessem, presentou The Hub, un novo espazo co que aglutinarán todos os seus proxectos emprendedores xuntos.