A OFICINA DE TURISMO DA XUNTA EN VIGO SUPERA OS DATOS ANTERIORES Á PANDEMIA E RECIBE MÁIS DE 57.000 CONSULTAS EN 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este mércores o importante incremento de consultas recibidas pola Oficina de Turismo de Vigo durante o pasado ano 2023 respeto dos datos anteriores á pandemia. Así o sinalou a representante autonómica nunha visita ao punto de información turística do Goberno galego na rúa Cánovas del Castillo.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados da oficina, cun importante aumento respecto a temporadas anteriores, e sobre todo sobre as estatísticas que tiñamos antes da pandemia, cun aumento do 10 por cento nas consultas totais entre 2019 e 2023”, sinalou.

Así, a Oficina de Turismo de Vigo pasou das 51.642 consultas en 2019 ás 57.175 do ano 2023. Ademais, tamén detectouse unha recuperación na chegada de estranxeiros, pasando das 13.705 de 2019 ás 19.028 de 2023, cunha evolución similar nos meses de xullo e agosto.

“Contamos cunhas instalacións situadas nun lugar idóneo para recibir aos turistas, tanto para os visitantes que percorren o centro de Vigo como os cruceristas que chegan a través do Porto ou mesmo os peregrinos do Camiño da Costa”, apuntou a delegada territorial. Ante a inminente chegada da Semana Santa, recomendou a todas aquelas persoas que veñan á cidade que visiten este punto turístico, onde atoparán toda a información que necesitan para percorrer Vigo.

Ademais, avanzou que a Oficina de Turismo, dependente de Turismo de Galicia, contará con dúas persoas máis que chegarán a través da convocatoria de becas que se publicou este luns día 17 no DOG para a solicitude de bolsas nas oficinas de turismo da Xunta. Do total de 14 persoas que se distribuirán polas oficinas de toda Galicia, a Vigo correspóndenlle dúas prazas.

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou este mércores o punto de información turística do Goberno galego na rúa Cánovas del Castillo
As consultas presenciais, por teléfono e por email por parte de estranxeiros aumentaron desde as 13.705 de 2019 ata as 19.028 do pasado ano
“Estamos moi satisfeitos cos resultados da oficina, cun importante aumento respecto a temporadas anteriores”, sinalou
Avanzou que a convocataria de becas de Turismo de Galicia permitirá incorporar a dúas persoas para a temporada estival