Luisa Sánchez participa na presentación de LA21 Media Maratón de Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este luns na presentación da vixésimo sexta edición de LA21 Media Maratón de Vigo, unha proba que conta coa colaboración da institucional provincial e que se celebrará este domingo. “Sodes unha carreira xa consolidada e un verdadeiro referente para todos os amantes do deporte da provincia”, sinalou a vicepresidenta. Luisa Sánchez trasladou os seus parabéns á organización por contar coa homologación do circuíto por parte da Real Federación Española de Atletismo. “É un síntoma de que estades facendo as cousas ben e supón un revulsivo para a proba, estamos moi orgullosos do voso traballo”, asegurou.
Luisa Sánchez lembrou o carácter estratéxico do deporte para o Goberno provincial, con “grandes esforzos para converter Pontevedra na provincia do deporte e podernos establecer, e consolidar, como o grande estadio deportivo do mundo”. Neste eido, a vicepresidenta salientou o 15% máis de recursos para o deporte nos orzamentos de 2025 ata chegar aos 6,4 millóns, aos que se suman os 8 millóns do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Teremos liñas novidosas, aumentaremos o crédito dalgunhas iniciativas e seguiremos apoiando iniciativas como LA21 que nos van axudar na nosa misión”, incidiu Sánchez.