A Área Sanitaria de Vigo xa vacinou no IFEVI a preto de 12.000 persoas entre 70 a 79 anos fronte a gripe e a COVID-19

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, destacou este lunes que no que vai de campaña xa se vacinaron máis de 35.000 persoas de máis de 80 anos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns as instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no que comezou a vacinación fronte a gripe e a covid-19  da poboación de entre 70 e 79 anos. A Área Sanitaria de Vigo xa puxo en marcha en outubro pasado a nova campaña cun  horario de luns a sábado, entre as 08.30 e as 14.00, e entre as 15.30 e as 21.00 horas.

Seguindo as indicacións da Consellería de Sanidade, a través da Dirección de Saúde Pública, convocouse en primeiro lugar á poboación de entre 70 e 79 anos de idade, chamándose á vacinación entre os días 30 de outubro e a mañá do 20 de novembro a un total de 42.351 persoas incluídas nesta franxa de idade. A estas persoas hai que engadirlles a 4.375 persoas máis, correspondentes a profesionais do ámbito sanitario e sociosanitario que no foran vacinados ata o memento.

A data de onte (10 de novembro) vacináronse na Área Sanitaria de Vigo preto de 12.000 persoas de entre 70 a 79 anos. Tras a vacinación desta franxa de idade, comezará o tramo seguinte, correspondente a persoas de entre 60 e 69 anos de idade, iniciándose, previsiblemente, o 20 de novembro pola tarde.

80 e máis anos

A vacinación das persoas de 80 e máis anos continúa nos centros de saúde de cabeceira e xa se está convocando a aquelas persoas que, por diferentes motivos, non puideron acudir á primeira cita e aínda non se vacinaron. No que vai de campaña, xa se vacinaron máis de 35.000 persoas nesta franxa de idade na Área Sanitaria de Vigo.

No que respecta á vacinación de persoas maiores en centros residencias e centros sociosanitarios, -levada a cabo entre setembro e principios do mes de outubro- a vacinación situouse en torno ao 91% das persoas ingresadas.

Sanidade remarca que toda a información sobre a campaña está dispoñible na páxina web da Consellería de Sanidade https://gripe.sergas.es/ Ademais este ano, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia, pon a disposición de toda a cidadanía os datos de cobertura de vacinación de gripe e covid cunha actualización diaria na web https://www.sergas.gal/Saude-publica/Observatorio-Saude-Publica.