A Xunta renovará o programa integrado de empreso en Salceda de cun investimento de 220.000 euros
A delegada territorial de Xunta en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este luns o plan que formou a 100 persoas desempregadas
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este luns que Salceda de Caselas contará en 2025 cun novo Programa Integrado de Emprego (PIE) financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun investimento de 220.000 euros.
Así o avanzou a representante autonómica durante a clausura do actual Programa Integrado de Emprego no que un total de 100 persoas desempregadas recibiron formación desde novembro de 2023. Ortiz animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo.
“Contades agora cunha ventá ao mercado de traballo e tanto Salceda como o resto da área de Vigo e de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou. Ana Ortiz salientou así a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo.
A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos. Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.