O auditorio da Xunta en Vigo acollerá o sorteo de sete vivendas de dous edificios rehabilitados no Casco Vello
As reformas de Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9, con prezos de compra desde 125.000€, recibiron un total de 467 solicitudes
“Continuamos cumprindo cunha das prioridades da Xunta, facilitar o acceso á vivenda de protección aos vigueses”, sinala Ana Ortiz
O auditorio da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8) acollerá o vindeiro martes (10:00 horas), 12 de novembro, o sorteo de sete vivendas de protección autonómica reformadas polo Consorcio Casco Vello (CCVV). Trátase dos dous últimos inmobles rehabilitados en Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9.
O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, porá así a disposición dos vigueses novas vivendas no barrio histórico con prezos de partida de 125.000 euros. Un total de 467 persoas presentaron solicitudes para o sorteo (251 para Elduayen 31 e 216 para Subida ao Castelo 9), que será retransmitido en streaming.
“Continuamos traballando para cumprir cunha das prioridades do Goberno galego, facilitar o acceso á vivenda”, sinala a delegada territorial e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz. A representante autonómica destaca que en 2025 o CCVV avanzará coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).
Ás anteriores 9 vivendas sumaranse outras cinco co remate das obras, que comezarán ao longo do ano que ven, da rehabilitación prevista no inmoble da rúa Alta 8-14. Ortiz tamén lembrou que ao longo do próximo ano está previsto que se desenvolva o proceso de licitación dos proxectos e obtención de autorizacións administrativas para a rehabilitación doutros dous inmobles que se atopan no histórico barrio do Berbés (números 7 e 27).
Elduayen 31 (5 vivendas e 251 candidatos)
- Vivenda 2A: 55.44 m2+4.27 m2 rocho, 125.000€
- Vivenda 3A: 58.02 m2+4 m2 rocho, 132.000€
- Vivenda 4A: 59.01 m2+6.18 m2 rocho, 138.000€
- Vivenda B: 87.06 m2, 185.000€
- Vivenda C: 107.07 m2, 235.000€
Subida ao Castelo 9 (2 vivendas e 216 candidatos)
- Vivenda A: 87.76 m2, 193.000€
- Vivenda B: 89.59 m2, 197.000€