FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O GASTRO MOVIDA SUMMIT XACOBEO COMO “ESCAPARATE” PARA CONVERTER VIGO EN “PUNTO DE ENCONTRO” DOS PROFESIONAIS E PROMOVER O TURISMO GASTRONÓMICO
A delegada da Xunta en Vigo presentou no restaurante Centeno do Centro Vialia o evento que unirá na cidade a máis de 30 establecementos
“Vigo converterase nun espazo común no que impulsar o produto local, a súa ría e o turismo”, destacou a delegada
Os participantes farán un percorrido pola ría e celebrarán un congreso con charlas e debates entre o 28 e 29 de novembro
A sumiller do restaurante Celler de Can Roca, Marta Cortizas, ofrecerá unha cata online o 20 de novembro
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este mércores na presentación do evento Gastro Movida Summit – Xacobeo 21-22 que durante os próximos 28 e 29 de novembro converterá a cidade en “epicentro” da gastronomía e promoverá o turismo.
Segundo explicou a representante autonómica, a cita será o “escaparate perfecto” para que Vigo sexa “punto de encontro” do sector profesional. “Temos o mellor produto que existe e temos os chefs con máis talento, polo tanto dispoñemos da mellor receita para que a cidade amose o seu potencial e promova tamén o seu destino turístico”, sinalou.
Fernández-Tapias estivo acompañada durante a presentación no restaurante Centeno do Centro Vialia por algúns dos mellores cociñeiros da cidade, como Rafa Centeno ou Xoán Cannas. A iniciativa reunirá a máis de 30 establecementos de Vigo arredor da cociña grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do Plan Xacobeo 21-22.
“O noso mar é unha xoia única, os nosos pescados e mariscos viaxan a toda España e a nosa lonxa é a máis importante de Europa, polo que creo que Grastro Movida é a panca perfecta para difundir contidos de valor da industria da gastronomía”, engadiu a delegada territorial.
Cata con Marta Cortizas
O programa do evento contará o vindeiro domingo, 20 de novembro, cunha invitada moi especial. Marta Cortizas, sumiller do afamado restaurante Celler de Can Roca, ofrecerá unha cata online para todos os participantes.
Ademais, o luns 28 de novembro haberá un percorrido en barco pola ría de Vigo para coñecer o produto local e a pesca artesanal. Ao finalizar, celebrarase unha comida no establecemento Maruja Limón.
O martes 29 de novembro será a quenda do congreso na sede do Celta na rúa Príncipe, con mesas redondas e charlas. No evento Gastro Movida participarán restaurantes como Silabario, O Croque, Niño Corvo, Kero, Pintxoteca, María Manuela, Lume de Carozo, Mijo, Nero ou Nikko Gastronómico. Tamén estarán as escolas de cociña Manuel Antonio e Harina Blanca e as marcas Coca-Cola e Gadis colaborarán no evento.