FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A APERTURA DA NOVA ESTACIÓN DE AUTOBUSES COMO “UNHA XORNADA HISTÓRICA PARA VIGO” AO DOTAR Á CIDADE DA CONEXIÓN INTERMODAL EN URZAIZ
A delegada da Xunta en Vigo, o director xeral de Mobilidade e o director xeral da AXI visitaron a terminal tras a súa apertura
“Estreamos a estación con absoluta normalidade e coa ruta alternativa”, sinalou a representante autonómica
O 60% dos autobuses xa utiliza as entradas e saídas pola AP-9 como estaba previsto e o resto circula por itinerarios alternativos
“Hoxe é un día moi importante para Vigo, temos a conexión de tren e bus a tan só uns minutos en pleno núcleo urbano”, destacou
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas(AXI), Francisco Menéndez, visitaron este sábado a nova Estación Intermodal de Autobuses tras a súa posta en marcha.
“Hoxe é un día moi importante, unha xornada histórica para Vigo, facemos realidade un obxectivo prioritario para os vigueses como é ter a conexión de tren e bus a tan só uns minutos en pleno núcleo urbano”, destacou a representante autonómica tras un percorrido pola estación. Rematada hai seis meses cun investimento de máis de 18 millóns de euros, as novas instalacións xa están en funcionamento desde primeira hora do día para converterse no principal núcleo de comunicacións do sur de Galicia.
Na súa visita, a delegada anunciou as rutas alternativas que terán que realizar parte dos autobuses tras un intento de “sabotaxe” por parte do Goberno municipal do PSOE instalando sinais de prohibición para que os autobuses non circulen polas rúas da cidade. “Xa temos en marcha outros percorridos para evitar o boicot do alcalde e evitar os prexuízos que lle quere causar aos cidadáns”, sinalou.
Percorridos alternativos
Así, os autobuses que saen pola praza da Estación (o 40% do total) farán percorridos alternativos en función dos horarios, de maneira que sairán por Colón ou por Isaac Peral dependendo tamén dos destinos e direccións dos autobuses.
A decisión do Concello de prohibir o xiro na rúa Cervantes afecta a catro corredores (Oeste-Coruxo, Sur-Castrelos, O Porriño-Meixoeiro e Redondela-Travesía de Vigo) e implica unha demora aproximada de cinco minutos máis cos itinerarios alternativos.
O 60% dos buses pola AP-9
A delegada explicou que aproximadamente o 60% do tráfico de autobuses entrará e sairá polo acceso directo á autoestrada AP-9, mentres que o resto o fará pola praza da Estación. Nesta primeira xornada están previstas un total de 170 expedicións, aínda que durante a semana a media de vehículos con pasaxeiros rondará os 500.
A representante autonómica avanzou que a posta en marcha da estación prevé un incremento do tráfico de viaxeiros no transporte público interurbano de entre o 10% e o 15% debido a mellora da conexión no centro na cidade. “Está previsto un movemento de 2 millóns de pasaxeiros en 2023, con cifras que poden supoñer unha subida de 300.000 usuarios ao ano máis”, sinalou.