Hoxe, no pincho de Nadal do PP de Vigo, ao que asistiron tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López
MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS: “CHEGOU O MOMENTO DE QUE OS VIGUESES NOS DEAN A OPORTUNIDADE DE DEMOSTRARLLES QUE HAI OUTRA FORMA DE FACER AS COUSAS”
Rueda asegura que Vigo merece a alguén que poña á cidade por enriba das siglas e enxalza a Marta Fernández-Tapias: “A súa prioridade é cos seus veciños e nada máis”
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, considera que Vigo merece a alguén que poña a cidade por enriba das siglas e “non só de palabra” e móstrase convencido de que Marta Fernández-Tapias non vai dubidar: “A súa prioridade é con Vigo e nada máis”.
Así o ratificou esta noite durante o pincho de Nadal organizado polos populares vigueses, aos que animou a construír unha cidade de todos, que deixe atrás a arrogancia e o personalismo e conquiste o futuro mellor que merecen os veciños e veciñas de Vigo.
Alfonso Rueda trasladou ademais o seu apoio á candidata á alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias: “Acusarante de ir contra o Nadal, contra o Celta, contra as Cíes, contra Vigo e contra todo o que faga falta con tal de desprestixiarte. Pero os insultos non falan de ti, falan dos seus nervios”.
Afeou tamén ao actual rexedor vigués “reconvertido ao sanchismo” que non defenda á cidade en serio no que se refire a cuestións tan importantes como a subestación para Stellantis, a planta de Balaídos, o Instituto Oceanográfico, a conexión ferroviaria Vigo-Porto ou as rebaixas na AP-9.
O líder dos populares galegos concluíu poñendo en valor os elementos que fan que Vigo brille “por máis que o personalismo do seu alcalde intente eclipsalo”, como a industria da automoción, a pesca, o naval, o turismo ou o seu patrimonio histórico-natural. “Vigo é moito máis que un nome propio que se apropia da voz da cidade para encher o seu ego”, afirmou.
MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS: “HAI OUTRA FORMA DE FACER AS COUSAS”
Pola súa parte, a candidata á alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinalou que “na rúa nótase que chegou o momento dun novo ciclo político, cun proxecto socialista esgotado e un futuro no que o Partido Popular ten todo por gañar”. Ao que engadiu: “Chegou o momento de que os vigueses nos dean a oportunidade de demostrarlles que hai outra forma de facer as cousas”.
Neste sentido, Fernández-Tapias animou aos seus a ver as oportunidades que teñen por diante, convencida de que Vigo “pode e debe ocupar un papel protagonista en España e Europa”. Chamou así a rebelarse contra o conformismo e situou nas eleccións municipais de 2023 o “punto de inflexión” para o Partido Popular de Vigo.
A candidata á alcaldía avogou así por darlle máis voz ao rigor e rexeitar o “falso viguismo” tras o que se agochan “intereses partidistas e personalistas”, aseverando que os populares seguirán “defendendo a Vigo fronte a cada desplante do Goberno de Sánchez e non nos van coller de perfil”.
Xa para rematar, Fernández-Tapias prometeu seguir a pé de rúa, traballando e escoitando as necesidades dos veciños e veciñas, desde o centro ata as parroquias, para darlle forma desde o PP de Vigo ás súas inquedanzas. “O segredo non é outro que patear e patear e escoitar e escoitar para dar solucións aos problemas que nos trasladan os vigueses”, concluíu.