FERNÁNDEZ-TAPIAS DENUNCIA O INTENTO DE “SABOTAXE” DO GOBERNO DO PSOE CONTRA A ESTACIÓN DE AUTOBUSES E “TAMÉN CONTRA A CIDADANÍA AO BOICOTEAR UN SERVIZO PÚBLICO”

A delegada da Xunta en Vigo e o director xeral de Mobilidade visitaron este venres a intermodal viguesa a tan só unhas horas da súa apertura
Alerta do “boicot” de Abel Caballero con novas sinais de prohibición para que os autobuses non circulen polas rúas da cidade
“A apertura da estación no centro de Vigo vai a supoñer unha mellora importantístima para os usuarios”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, visitaron este venres a nova Estación Intermodal de Autobuses de Vigo, rematada hai seis meses cun investimento de 18 millóns de euros, para pasar revista ás instalacións a unhas horas da súa apertura. Na súa visita, a delegada denunciou un intento de “sabotaxe” por parte do Goberno municipal do PSOE tras comprobar que nas últimas horas instalaron sinais de prohibición para que os autobuses non circulen polas rúas da cidade.

Fernández-Tapias alertou deste novo intento de boicoteo por parte do alcalde ao colocar unha nova sinal este mesmo venres na intersección da rúa Cervantes para impedir o paso de autobuses. “É unha mostra máis do compartamento do alcalde, un intento de sabotaxe que supón un grave prexuízo para a cidadanía, posto que boicotea un servizo público e os vehículos terán que dar un rodeo”, sinalou.

A representante autonómica pediu ao Concello de Vigo que retire o sinal e avanzou que xa se están barallando alternativas “se non rectifican”. Lembrou tamén que o Goberno socialista non respondeu a ningunha das cartas enviadas os pasados 26 de xuño e 28 de xullo para coñecer as datas nas que acababan as súas obras de accesos e coordinar a apertura.

“Agora convocan unha xuntanza a doce horas da apertura e queren culpar á Xunta do tráfico na cidade pero non o van a conseguir”, apuntou Tapias, que cualificou este movemento do Concello como un “intento á desesperada” de acometer unha “sabotaxe” contra a terminal.

Mellora do transporte urbano

A represente autonómica avanzou que o a posta en marcha da estación prevé un incremento do tráfico de viaxeiros no transporte público interurbano de entre o 10% e o 15% debido a mellora da conexión no centro na cidade. “Está previsto un movemento de 2 millóns de pasaxeiros en 2023, con cifras que poden supoñer unha subida de 300.000 usuarios ao ano máis”, sinalou.

Os primeiros autobuses sairán da estación de Urzaiz ás 07.30 horas deste sábado e media hora despois terá lugar a primeira chegada. Tal e como informou a delegada territorial, tras completarse diferentes estudos e traballos de campo, establecéronse os diferentes corredores e subcorredores de entrada e engadíronse catro paradas novas en marquesiñas xa existentes: Gregorio Espino 55, Gregorio Espino 42, Avenida de Madrid 28 e na confluencia de Gran Vía con rúa Conde de Gondomar.

Fernández-Tapias defendeu que a terminal conta con “todos os permisos” e “cumpre todos os requisitos legais”, además de reiterar que a súa posta en marcha será positiva para toda a cidadanía pola súa localización e porque permitirá “pasar nuns minutos do bus ao tren”.

A estación de autobuses intermodal de Vigo, que permitirá albergar dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, será o novo nó de viaxeiros do sur da comunidade tras un investimento de 18 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.