ANA ORTIZ SALIENTA AS MEDIDAS DE DIVULGACIÓN E FORMACIÓN DA XUNTA NA DEFENSA DOS CONSUMIDORES
A delegada da Xunta visitou o punto informativo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) no Mercado de Teis con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este venres durante unha visita ao Mercado de Teis as accións divulgativas e de formación postas en marcha polo Goberno galego con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras. A representante autonómica fixo un percorrido polo mercado vigués onde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) instalou hoxe un dos puntos informativos habilitados pola Xunta nas sete principais cidades galegas.
“Neste día, lembramos a importancia de coñecer os nosos dereitos como persoas consumidoras para poder defendelos”, indicou a delegada. Ortiz destacou que a campaña convida á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos.
Ademais, engadiu que complementariamente, realízanse accións formativas dende o 1 de marzo en diferentes centros educativos e concellos da xeografía galega, entre eles, en Vigo, o IES A Guia e o CPR Alborada.
Finalmente, a celebración do 15 de marzo verase complementada cun especial dos Venres de Consumo Responde que cumprirá o segundo aniversario da iniciativa que empraza todos os venres aos cidadáns a un encontro dixital para preguntar dúbidas e coñecer mellor os seus dereitos a través da web https://consumo.xunta.gal/.