A Xunta entrega as chaves dunha vivenda pública en alugueiro no barrio vigués de Teis

A delegada territorial, Ana Ortiz, destaca que o inmoble foi recentemente reformado para ser o fogar dunha unidade familiar de catro membros

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, entregou este luns as chaves dunha vivenda de promoción pública na rúa Ángela Iglesias Rebollar, no barrio vigués de Teis, en réxime de alugueiro. Durante o acto, a representante autonómica indicou que se trata dunha vivenda con tres dormitorios cunha superficie útil de 62,80 metros cuadrados e que, coa entrega das chaves, pasará a ser o fogar dunha unidade familiar de catro membros.

“Estamos a cumprir cunha das prioridades do Goberno galego é facilitar o acceso á vivenda aos galegos, particularmente a través da posta en disposición dun parque público de vivendas en alugueiro da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para os colectivos con maior grao de dificultade de acceso”, sinalou.

Segundo destacou Ana Ortiz, o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 parte da participación de todas as entidades, institucións e asociacións representadas e implicadas nunha estratexia de actuación pública en materia de vivenda e, entre as medidas consensuadas atópase o dispoñer dun parque público de vivendas da súa propiedade que son adxudicadas en réxime de alugueiro e que están orientadas preferentemente a unidades familiares ou de convivencia con ingresos familiares limitados.

Este parque de vivendas, salientou, permiten unha maior rotación na súa ocupación e unha mellor adaptación entre os requisitos dos adxudicatarios e a finalidade das vivendas. Neste sentido, incidiu, estase a investir recurrentemente no mantemento e adecuación destas vivendas públicas destinadas ao alugueiro para garantir a súa permanente dispoñibilidade en condicións adecuadas de uso.

A representante autonómica explicou tamén que o Goberno galego segue avanzando no seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé, nesta lexislatura, duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver chan para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 vivendas libres.