A Xunta crea dúas novas aulas polivalentes para o Ciclo Superior de Acondicionamento Físico no IES A Guía de Vigo
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes o centro educativo tras a reforma realizada para atender as necesidades do alumnado
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes o IES A Guía no que se levou a cabo un investimento de preto de 50.000 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades para a creación de dúas novas aulas polivalentes destinadas ao Ciclo Superior de Acondicionamento Físico.
Segundo explicou a representante autonómica durante a visita, o Goberno galego atende así as necesidades do alumnado que se foi incrementando ata duplicarse. Ortiz engadiu que as novas aulas están situadas no espazo baleiro que se atopaba no andar do semisoto, de forma que se levou a cabo o illamento da fachada, a apertura e colocación de ventás, novos tabiques, colocación de falso teito e pavimento, así como as instalacións precisas.
A delegada tamén apuntou que a obra contou cun investimento de 48.399 euros e finalizou no prazo previsto de dous meses. “O Plan de nova arquitetura pedagóxica do Goberno galego destina máis de 21 millóns de euros á modernización e mellora dun total de 53 infraestruturas da comarca, delas 28 na cidade olívica cun importe de preto de 9 millóns”, sinalou Ana Ortiz.
Obras en centros educativos de Vigo
O resto das obras na cidade de Vigo incluídas na planificación son no IES Alexandre Bóveda (732.000 euros para a reforma do ximnasio e das instalacións térmicas), no CEIP Virxe do Rocío (298.257 euros na rehabilitación e na instalación de telecomunicacións), no CEIP Pintor Laxeiro (148.399 euros para un novo ascensor), no IES San Tomé de Freixeiro (1,28 millóns na súa rehabilitación integral), no CMUS Conservatorio Superior de Vigo (1,03 millóns para a rehabilitación integral), no CEIP Igrexa-Valadares (230.573 euros no polideportivo e na cuberta do patio), no IES Coruxo (280.580 euros na cuberta e lucernario), CEIP Illas Cíes (316.512 euros na substitución de fiestras), no CEIP Emilia Pardo Bazán (183.493 euros no ascensor, rampla e aseos adaptados), no CEE Saladino Cortizo (17.705 euros na instalación fotovoltaica), no CEIP Santa Mariña (172.396 na substitución de fiestras), no IES Politécnico de Vigo (121.401 no ascensor e aseos adaptados) e no IES Álvaro Cunqueiro (496.472 na substitución de fiestras).
Substitución de cubertas
Respecto a substitución de cubertas os centros educativos incluídos no plan foron o CEIP A Doblada (167.104 euros), CEIP Balaídos (249.333 euros), CEIP Sobreira-Valadares (246.902, tamén para a cuberta do patio) e o CIFP Manuel Antonio (1,65 millóns, tamén para ascensor e aseos adaptados). Ademais, levouse a cabo un importante investimento de cambio de luminarias no IES A Guía (135.879 euros), IES de Beade (136.426 euros), IES Carlos Casares (105.955 euros), IES do Castro (109.490 euros), IES República Oriental de Uruguay (154.492 euros), IES Ricardo Mella (226.380 euros), IES Valladares (128.390 euros) e IES de Teis (75.032 euros).
O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico.