Luisa Sánchez enxalza “o patrimonio histórico e cultural único” da provincia na inauguración na Sede da Deputación en Vigo de “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”

A exposición, organizada en colaboración co CSIC, amosa as posibilidades das novas tecnoloxías na investigación arqueolóxica e poderá visitarse ata o 30 de decembro

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, inaugurou na Sede de Vigo da institución provincial a mostra “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”, que organiza o organismo xunto co Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A mostra, que  poderá visitarse ata o vindeiro 30 de novembro e forma parte das actividades de divulgación enmarcadas dentro do convenio entre as dúas institucións para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia e o estudo dos seus materiais, amosa as posibilidades do emprego das novas tecnoloxías na investigación arqueolóxica.

“Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” amosa a través de once paneis as novas técnicas de análise de materiais arqueolóxicos -arqueoloxía do pequeno- e as tecnoloxías de prospección e rexistro non invasoras de áreas arqueolóxicas -arqueoloxía do invisible-, ofrecendo unha ollada a algúns dos métodos e ferramentas de traballo que hoxe usa a arqueoloxía e que probablemente rachen a idea máis habitual que se ten desta disciplina. Trátase, tal e como recordou Luisa Sánchez, “da primeira das dúas mostras que poremos en marcha da man do CSIC, sendo esta a exposición introdutoria na que amosamos as tecnoloxías coas que  se traballou nos xacementos da provincia, e próxima a que afondará no conxunto de traballos levados a cabo durante o proxecto”.

No acto, a vicepresidenta provincial destacou que na provincia de Pontevedra “temos un patrimonio histórico e cultural único e os xacementos arqueolóxicos son parte da nosa historia e de quen somos como pobo e sociedade”.  Por iso “é a nosa obriga, e a de todas as administracións públicas, protexer, difundir e fomentar o valor dos bens do noso patrimonio cultural, levando a cabo actuacións e actividades de divulgación como esta exposición”, asegurou Sánchez quen tamén lembrou outros proxectos que está a desenvolver a Deputación como Trazas de Pontevedra, “que lanzamos o pasado ano e que inclúe unha ruta polos xacementos arqueolóxicos da provincia para desfrutar dunha experiencia 100% Rías Baixas”.

Os once paneis de “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible”, que se poderá visitar na Sede de Vigo da Deputación ata o vindeiro 30 de novembro de luns a venres de 9:00 a 20:30 horas, céntranse en temas como as imaxes aéreas, a teledetección, a prospección xeofísica, a fotogrametría ou o estudo ao microscopio, entre outros. Ademais, “Arqueoloxía do pequeno, arqueoloxía do invisible” incorpora tamén dous vídeos dedicados respectivamente ás técnicas de análise de materiais arqueolóxicos e ás tecnoloxías de prospección e rexistro non invasivas de áreas arqueolóxicas.