A XUNTA CONTRATA O PROXECTO DO NOVO IES DE NAVIA E RECLAMA AO CONCELLO DE VIGO QUE ASINE O CONVENIO PARA A CESIÓN DOS TERREOS
A delegada territorial, Ana Ortiz, informou ao alcalde por carta da adxudicación do proxecto por un importe de 328.000 euros e lémbralle que existe un orzamento de 14 millóns para o instituto
O Goberno galego remite de novo o convenio ao Concello de Vigo para poder avanzar na construción e xa marca a folla de ruta concretando as partidas anuais ata 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, informou hoxe de que o Executivo autonómico vén de contratar o proxecto de construción do novo instituto IES de Navia por un importe de 328.118,12 euros á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes. Ademais, sinalou que o Goberno galego segue á espera de que o Concello vigués formalice o convenio para a cesión dos terreos, condición necesaria para a súa execución.
A través dunha carta, a delegada informou ao alcalde de Vigo dos avances levados a cabo polo Administración autonómica e remitiulle de novo o borrador do convenio. Ortiz lémbralle ao rexedor que debe axilizar a formalización do convenio para a posta a disposición dos terreos e, deste xeito, poder continuar co proxecto construtivo e a adxudicación das obras.
“A proposta do convenio xa recolle o compromiso indubidable da Xunta de avanzar na construción da infraestruturas e como mellor proba figura o cadro de investimentos que levará a cabo nas diferentes partidas orzamentarias ata un total de 14 millóns de euros”, explica a representante autonómica.
Partidas orzamentarias
Así, no convenio, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, comprométese á licitación das obras con cargo á aplicación orzamentaria e que, conforme os presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia, ten prevista unha cantidade de 103.769,45€ no ano 2024, 6.761.639€ no 2025 e 6.761.639€ no 2026.
Cómpre lembrar que xa en abril do ano 2022 a Xunta de Galicia remitiu ao Concello a proposta do convenio de colaboración para a cesión de terreos que agora xa son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como para garantir os permisos municipais necesarios para acometer as obras.
Compromiso firme
O encargo do proxecto de edificación é unha proba máis do compromiso do Goberno galego con esta infraestrutura para a cal xa se dispón do instrumento urbanístico e do orzamento. A partir de agora, para axilizar os trámites cómpre a colaboración por parte do Concello de Vigo, que debe adherirse á proposta de convenio que lle foi remitida hai meses.
De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais.
Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.
