A XUNTA APOIA UNHA NOVA EDICIÓN DO CONCURSO DE NADAL DE ESCAPARATISMO EN VIGO
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores no local La Vendimia na presentación da campaña “Ilumina o teu escaparate” que organizan as asociacións de comerciantes co apoio do Goberno galego para activar o consumo nos pequenos establecementos das diferentes zonas da cidade durante o Nadal.
“Creo que este tipo de accións son moi importantes para dinamizar o comercio e no voso caso demostran que existe unha gran unidade entre as diferentes asociacións”, sinalou a representante autonómica.
Segundo explicaron os organizadores, os comerciantes das zonas do Calvario, Bouzas, Navia, As Travesas, Casco Vello Vigo, Zona Náutico, Teis, Vigo Centro, Xeral e Torrecedeira participan na iniciativa que comeza o 1 de decembro e rematará o vindeiro día 15 de decembro. Os locais interesados deben envíar as fotos ao correo iluminatuescaparate@gmail.com.
O vindeiro 14 de xaneiro o Auditorio da Xunta en Vigo acollerá a gran gala na que se darán a coñecer os gañadores. Entre todos os participantes se sorteará unha fin de semana nunha casa rural e unha tutoría dun profesional do escaparatismo. Ademais, haberá premios en metálico para o gañador (600 euros), o segundo clasificado (300 euros) e o terceiro (150 euros).