A Xunta contará en outobro co proxecto básico do novo IES de Navia
A delegada territorial, Ana Ortiz, avanzou que unha vez supervisado o documento, o Goberno galego solicitará a licenza e posteriormente licitar a obra
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, informou hoxe de que o Executivo autonómico contará o vindeiro mes de outubro co proxecto básico de execución do novo instituto IES de Navia que fora contratado en xaneiro pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes.
A representante autonómica indicou que, unha vez supervisado o documento, o Goberno galego solicitará a licenza municipal e, posteriormente, procederá a licitar a obra. “Continuamos avanzando no compromiso da Xunta coa cidade e con esta nova infraestrutura educativa e como mellor proba figura o cadro de investimentos que levará a cabo nas diferentes partidas orzamentarias ata un total de 14 millóns de euros”, explica a representante autonómica.
O novo instituto, que atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia, deseñarase seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos. Será o primeiro instituto construído en base a estes parámetros.
Terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m². En consonancia co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, propóñense espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables. Ademais, o edificio construirase pensando en reducir nun 30% o consumo enerxético respecto de edificios similares.