A XUNTA APOIA AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DA SEDE SOCIAL DA ASOCIACIÓN VECIÑAL PONTENOVA-FREIXEIRO

A delegada territorial da Xunta en Vigo e a directora Xeral de Administración Local visitaron hoxe o local ao que se destinaron  preto de 17.000 euros
Os traballos consistiron na reparación de humidades, tarimas e teitos, pintado das paredes e a reforma interior dalgunhas das estancias e os aseos
O Plan específico de acción comunitaria inviste este ano preto de 741.000 euros para  56 entidades veciñais e comunidades de augas da área viguesa

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, achegáronse hoxe ata a sede social da Asociación Veciñal Pontenova-Freixeiro para coñecer de primeira man as melloras realizadas co apoio do Goberno autonómico. A entidade recibiu preto de 17.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais.

Os traballos de rehabilitación do local consistiron na reparación de humidades, tarimas e teitos, pintado das paredes e a reforma interior dalgunhas estancias que, como no caso dos aseos, atopábanse en moi mal estado.

Durante a visita púxose en valor, tanto por parte das representantes autonómicas como da directiva de Pontenova-Freixeiro a importancia destas axudas, por canto contribúen a atender ao asociacionismo veciñal e, en consecuencia, a mellorar a calidade e vida local mediante investimentos tanto de obras nos locais sociais como na dotación do equipamento para levar a cabo as súas actividades.

O Plan específico de acción comunitaria inviste este ano preto de 741.000 euros para 56 entidades da área viguesa. O reparto do orzamento destina 649.000 euros a obras e 92.300 euros a equipamentos. Deste total, 240.000 euros distribuíronse entre 12 asociacións veciñais e 5 comunidades de usuarios de augas da cidade de Vigo.

As achegas supoñen neste exercicio un incremento do 19% respecto a 2021, ano no que resultaron beneficiarias 43 asociacións de veciños e comunidades de augas cun importe de 600.000 euros.