A vicepresidenta Luisa Sánchez manifesta o compromiso de colaborar coa Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto co deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reuniuse con representantes da Asociación de Doadores de Órganos de Vigo (ADROVI), na sede da institución provincial na cidade olívica. Durante a xuntanza, a responsable provincial comprometeuse a analizar posibles vías de colaboración coa entidade, así como a sumar sinerxías para apoiar a ADROVI na “fundamental tarefa social e asistencial que desenvolve e que, sen dúbida algunha, ten unha incidencia destacable na mellora da calidade de vida da veciñanza da cidade pero tamén do conxunto da provincia”. Neste eido, Sánchez, quen tamén recordou que a provincia de Pontevedra é a que conta co maior número de carnés de donantes, adiantou á entidade que o Goberno provincial contribuirá na produción do calendario que prepara ADROVI para 2025, do que se imprimirán 500 exemplares.