A VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN LUISA SÁNCHEZ PARTICIPA NA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “COLMEIRO, PUNTA SECA”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta tarde no acto de inauguración da exposición “Colmeiro, punta seca” na sede da Fundación Laxeiro, en Vigo. Esta mostra, que visita a cidade olívica grazas á colaboración da institución provincial coa Fundación, recolle preto de 50 gravados elaborados polo artista durante o seu exilio en Bos Aires e París con temáticas como a nostalxia pola terra ou a figura da muller.
A vicepresidenta provincial lembrou que “se Colmeiro chegou a onde chegou foi en parte pola imprescindible axuda que lle prestou a Deputación aos inicios da súa carreira”, xa que en 1928, con 27 anos, “concedeulle unha bolsa artística coa que puido viaxar a Madrid e Barcelona”. Luisa Sánchez asegurou que “esta é unha oportunidade única para que a cidadanía da provincia poida achegarse a coñecer unha faceta descoñecida sobre unha das figuras máis representativas da arte galega de comezos do século pasado”. A exposición poderase visitar ata o 30 de xuño.