A VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN LUISA SÁNCHEZ ENXALZA O GALICIA FÓRUM GASTRONÓMICO COMO “O TERMÓMETRO DE DINAMISMO DO SECTOR” E UN ESCAPARATE PARA AS RÍAS BAIXAS
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acompañada pola deputada de Turismo, Nava Castro, asistiu hoxe no Palacio da Oliva, en Vigo, á presentación da edición de 2024 do Galicia Fórum Gastronómico. Na cita, que terá lugar na Coruña entre os días 7 e 9 de abril, estará presente a institución provincial por ser “un espléndido escaparate da innovación gastronómica. Un termómetro de dinamismo do sector, pero tamén un espazo de coñecemento no que non podemos deixar de participar destinos como as Rías Baixas”, asegurou a vicepresidenta.
Nun foro que xa é o maior evento das súas características no norte de España, polo que pasan máis de 20.000 visitantes anuais e que conta con máis de 200 expositores, a Deputación contará cun stand propio no que dará a coñecer todo o que ten que ofrecer a provincia, “porque a gastronomía, os nosos produtos enolóxicos e gastronómicos, son verdadeiros embaixadores das nosas cidades e vilas. Poderíamos percorrer os 61 concellos da provincia comendo algunha preparación única, diferente e representativa”, explicou Luisa Sánchez. Ademais, tamén adiantou que neste Fórum estarán presentes algúns dos mellores cociñeiros da provincia de Pontevedra, como Javier Olleros, Pepe Vieira o Pepe Solla.