A SEMANA AZUL XACOBEA PECHARÁ ESTE DOMINGO UNHA SEMANA REPLETA DE ACTIVIDADES NÁUTICAS CON RÉCORD DE PARTICIPACIÓN
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou aos escolares durante unha das clases de vela en Bouzas
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou o éxito de participación logrado pola Semana Azul na súa Edición Xacobea. Acompañada polo presidente da Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas (Ariven), Miguel Pereira, a representante autonómica visitou aos escolares vigueses durante unha das clases de vela organizadas en Bouzas.
“Quero felicitar aos organizadores da Semana Azul porque estamos ante unha excelente forma de inmersión e achegamento á Ría de Vigo a través dunha oferta de actividades náuticas e deportivas que poñen en valor a nosa cidade e a nosa costa, pero tamén os valores que aporta o Camiño de Santiago”, sinalou.
A nova Edición Xacobea desta iniciativa náutica contou con máis de 850 persoas e con case todas as actividades coas súas prazas completas. En paralelo ao programa desenvolvido de carácter xeral, deseñouse un programa de actividades gratuítas con centros educativos en horario lectivo co que se logrou alcanzar un total de 500 estudantes rexistrados de 7 centros escolares da Ría de Vigo.
Ao longo de toda a semana tanto escolares como público en xeral puido asistir a actividades de vela, remo, pedalsurf, e surf, pero tamén houbo visitas a barcos clásicos como o “Hidria Segundo” ou “Peregrina”. As iniciativas leváronse a cabo por parte de entidades náuticas de Vigo, Redondela e Nigrán.
Cruceiro ao solpor, unha showcking, unha mesa olímpica ou unha ruta do mexilón completaron a Semana Azul. A última actividade será este domingo cunha Ruta Xacobea desde o Museo do Mar.

