A delegada territorial e presidenta do CCVV lamenta a actitude do representante municipal como único conselleiro do organismo que non aprobou as contas
O CONCELLO BOICOTEA A REHABILITACIÓN DO CASCO VELLO TRAS VOTAR EN CONTRA DO ORZAMENTO DO CONSORCIO E DA DINAMIZACIÓN CULTURAL DO BARRIO
Marta Fernández-Tapias presidiu a reunión do Consello de Administración no que as partidas económicas do Consorcio foron rexeitadas de novo polo goberno local
O concurso público para adxudicar os baixos ás empresas interesadas tamén quedou paralizada polo voto en contra do representante do Concello de Vigo
A representante autonómica critica que o alcalde reclame fondos para rehabilitar o barrio histórico e logo impida de forma reiterada a súa execución
Recorda que, pese a representar tan so o 10% do CCVV, é necesario o visto e prace do Concello vigués para poder executar as partidas orzamentarias previstas
Reprocha ao alcalde vigués o seu empeño en “torpedear” a labor dun organismo que ata o día de hoxe suma 83 edificacións e 117 vivendas rehabilitadas na cidade
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, lamentou hoxe a nova negativa do Concello de Vigo á aprobación dos orzamentos do organismo e, polo tanto, a paralización da labor rehabilitadora do barrio histórico da cidade.
Segundo informou, o Consorcio levou na súa sesión deste venres o seu orzamento ao Consello de Administración, pero atopouse de novo coa oposición do representante do Goberno local. Compre lembrar que pese a representar tan so o 10% do CCVV, o 90% restante corresponde a Xunta de Galicia, é necesario o visto e prace do Concello vigués para poder executar as partidas orzamentarias previstas.
A negativa provoca que o organismo estea así a funcionar coas contas prorrogadas do 2021, o que implica de facto o bloqueo da rehabilitación de 9 edificacións e 14 vivendas de promoción pública, que suman en conxunto unha inversión superior aos 1,5 millóns de euros.
Durante a celebración do consello de administración, o representante municipal non quixo argumentar o seu voto en contra, polo que a presidenta destacou a súa “incoherencia”. A delegada incidiu no “torpedeo permanente” dos representantes socialistas no CCVV a todas as cuestións relativas a este organismo, que ata o día de hoxe ten rehabilitado 83 inmobles e 117 vivendas de promoción pública.
Ademais, o Concello tamén manifestouse en contra da dinamización cultural do Casco Vello. Fernández-Tapias explicou que o Consorcio xa conta con ofertas de varias empresas, entre elas unha editorial e varias firmas do sector de artesanía, e desta forma non poderán acceder a adxudicación. “Trátase de propostas moi interesantes para revitalizar o barrio e o seu carácter cultural”, sinalou.
Na opinión da delegada da Xunta é “unha mostra máis do nulo interese do alcalde por facilitar aos veciños vivendas de promoción pública, tendo en conta que a Administración autonómica é a única que as executa”. Asemade, chamou a atención sobre a “incongruencia” de que os mesmos representantes socialistas que votaron a favor do plan de actuación para os vindeiros catro anos, que contempla a compra de 25 edificacións (45 vivendas) e a mobilización de 14,5 millóns de euros, se opoñan a respaldalo con partidas reais.
Deste modo, tras indicar que as 12 vivendas que hai actualmente en construción corresponden ao exercicio orzamentario do 2021 (Subida ao Castelo 9, Elduayen 31 e Real 13), Fernández-Tapias responsabilizou directamente a Caballero de que o Consorcio Casco Vello de Vigo estea en unha situación de “bloqueo técnico”.