A DELEGADA DA XUNTA CLAUSURA O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DE ASIME TRAS ACADAR UN 70% DE INSERCIÓN LABORAL

Ana Ortiz participou este mércores no acto celebrado na Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia
O proxecto financiado polo Goberno galego impulsou a inserción de 100 persoas no sector do metal a través de formación, orientación e intermediación

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) que durante o último ano levou a cabo a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) co financiamento da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade. O programa acadou un 70% de inserción laboral (o obxectivo estaba fixado no 45%) despois de ofrecer formación, orientación e intermediación.

“O PIE de Asime é un claro exemplo de como se debe traballar entre administración pública e empresas, porque o que buscamos é precisamente unha maior formación e inserción, que Asime conseguiu para os seus usuarios, o que demostra o éxito e idoneidade do investimento realizado pola Xunta de Galicia neste tipo de programas, que están directamente ligados ás necesidades das empresas”, sinalou a representante autonómica.

Ana Ortiz engadiu que “hai moitas persoas que queren traballar, pero ás veces o que lles falta é a orientación para saber en que empregos focalizarse. Iso é precisamente o que se lles ofrece a través de programas coma este”. Ademais, trasladou os seus parabéns a todo o equipo de Asime e puxo en valor o traballo realizado.

O programa impulsou a inserción laboral de 100 persoas no sector do metal a través de formación, orientación e intermediación personalizada, para fomentar profesións con alta demanda na industria, como soldadura, tubaxe industrial, loxística, condución de carretilla elevadora e administración.

No acto tamén estiveron presentes o xefe territorial de Promoción de Emprego e Igualdade, José Antonio Fachado; Alejandra Martínez, coordinadora técnica do PIE de Asime; as técnicas de orientación e formación de Asime, Lorena González e Beatriz Segade; así como máis de 20 usuarios do programa, que compartiron as súas experiencias durante o evento.