A biblioteca pública Juan Compañel de Vigo súmase en maio ao Día das Letras Galegas con exposicións, contacontos e teatro de papel
A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, presentou este mércores a programación para homenaxear á creadora literaria Luisa Villalta
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores as actividades programadas este mes de maio pola Biblioteca Pública Juan Compañel, xestionada polo Goberno galego, con motivo do Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión á creadora literaria Luisa Villalta.
Segundo explicou a representante autonómica, a autora homenaxeada este ano será o protagonista das mostras bibliográficas do mes, tamén dunha sesión de contacontos e dunha montaxe de teatro de papel. “Nas actividades programadas conta moito o público infantil, posto que os máis pequenos teñen que ser sempre unha prioridade para transmitir o noso patrimonio cultural”, sinalou.
Ortiz apuntou que mañá mesmo, 16 de maio (18:00 horas) a sala infantil acollerá a narración oral “Glup”, de Ramiro Neira, unha narración oral en galego para bebés (capacidade para 30 bebés de 0 a 3 anos acompañados por 1 adulto). O sábado 18 de maio (12:00 horas), na zona de actividades da sala infantil, haberá unha homenaxe a Luisa Villalta cunha montaxe de teatro de papel contemporáneo (capacidade: 40 nenos/as de 4 anos en adiante).
Tamén o sábado (12:30 horas), na Sala Multiusos do 2º andar, será a entrega de premios do XIV Concurso “B.D. VIGO”. A Bibloteca Pública de Vigo Juan Compañel convoca cada ano o Certame de banda deseñada “B. D. Vigo” nas categorías Infantil, xuvenil e adultos.
Ademais, desde o 13 de maio ao 8 de xuño, a zona de exposicións da biblioteca acolle a mostra «Palabras en harmonía: escrita, música e activismo en Luisa Villalta”. Trátase dunha exposición con paneis explicativos e mostra bibliográfica sobre Luisa Villalta, protagonista do Día das Letras Galegas 2024.
E por último, na sala infantil, xa está en marcha do 6 ao 30 de maio a exposición bibliográfica “As escritoras na historia do Día das Letras Galegas”, que recolle a biografía e obras infantís das mulleres homenaxeadas no día das Letras Galegas.