O PP de Vigo pregunta ao Goberno local cando colocará a anunciada escultura de Domingo Villar e se dedicará a Xela Arias a rúa prometida

Na semana na que se celebra o Día das Letras Galegas e se cumpren dous anos do pasamento do escritor vigués, o grupo municipal popular lamenta que ambos compromisos de Caballero sigan sen materializarse
Miguel Martín considera unha “falla de respecto” realizar “con lixeireza” anuncios sobre persoas tan importantes para a cidade e a cultura galega

O Partido Popular de Vigo preguntou este mércores ao Goberno local por dúas promesas realizadas por Abel Caballero que, novamente, ou ben non se concretaron ou ben están tardando en materializarse. Na semana na que se celebra o Días das Letras Galegas e na que se cumpren dous anos do triste pasamento de Domingo Villar, o grupo municipal do PP solicitou información sobre a escultura que se prevé instalar na Praza de Compostela, preto da vivenda do autor. Asemade, pediu saber en que quedou o anuncio de dedicarlle unha rúa á escritora Xela Arias, quen protagonizou os actos do 17 de maio de 2021.

Con todo, tal e como salientou o voceiro do Partido Popular no Concello de Vigo, Miguel Martín, “nada se sabe” desde que o rexedor socialista comunicou que a escultura de Domingo Villar, quen dará nome ao IES de Navia grazas á Xunta de Galicia, estaba encargada. Caballero incluso se atreveu a dar prazos que, como é tradición, non cumpriu. “Chegou asegurar que o conxunto artístico, composto dunha figura e dun banco, quedaría montado antes de finalizar o ano 2023. Pero, como tantas veces, seguimos agardando”, sinalou o concelleiro do PP vigués.

Martín recordou que o alcalde tamén se comprometera a poñer o nome de Xela Arias a unha rúa de Vigo. Un recoñecemento que o grupo municipal popular considera “merecido”. “Mais o anuncio, como tantos outros de Abel Caballero, parece máis unha obra de ficción que unha historia real”, lamenta Martín.

O PP de Vigo considera que os compromisos adquiridos deben materializarse, pero nestes casos concretos alerta da “falla de respecto” que supón formular anuncios “con lixeireza”. “Estamos a falar de temas importantes e incluso delicados. Cómpre non esquecer que Domingo Villar e Xela Arias ocupan un lugar destacado na nosa cidade e na nosa literatura. Ben estaría que esas homenaxes chegaran na semana que se celebra o Día das Letras Galegas”, precisou Martín.