A Delegada da Xunta en Vigo destaca a mellora da seguridade na estrada PO-330, entre Pereiró e Valadares, cun investimento de 1,8 millóns

Ana Ortiz fixo unha visita aos traballos que rematarán este venres no barrio vigués tras realizar diferentes actuacións en sete quilómetros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, supervisou este mércores o avance das obras de mellora da PO-330 (Vigo-Vincios), que rematarán este venres no cruce situado á altura de Pereiró. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste un total de 1,8 millóns na humanización e mellora da seguridade da estrada entre Pereiró e Valadares, que implica nove actuacións en sete quilómetros.

A representante autonómica destacou que xa están a punto de rematar as obras na contorna de Pereiró, urbanizando un treito de 450 metros, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e serve de enlace do vieiro da universidade.  “O obxectivo é a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunhas zonas moi urbanas, atendendo ás demandas de veciños e comerciantes da contorna”, sinalou Ortiz durante a visita.

A actuación da Xunta engloba outras accións como a sinalización horizontal ou elementos físicos para reforzar a seguridade noutras interseccións (en As Carneiras, Carregal e O Portal) e as melloras de accesibilidade ou a reparación de beirarrúas onde sexa necesario.

O pasado mes de setembro xa finalizou a construcción da nova rotonda de 28 metros de diámetro en Valadares que permite unha mellora do acceso aos distintos equipamentos (piscina, pavillón, AAVV) e un cambio de sentido no vial.

Ademais, tamén esta acabado un novo ramal de acceso á Escola de Educación Infantil Monte Alba, desde a nova glorieta. Así mesmo, executáronse muros de contención e novas beirarrúas na contorna, completando, e dando continuidade así, á beirarrúa existente na marxe esquerda, cun ancho mínimo de dous metros.

Da mesma maneira, fresouse o asfalto actual e repúxose cunha nova capa de rodadura, ademais de actualizar tanto a sinalización vertical como horizontal para adaptala á nova ordenación da intersección. Tamén se instalaron novos puntos de luz para mellorar a iluminación do ámbito.