A Xunta ratifica o seu compromiso coa Fundación Traslatio e o Festival Iacobus Maris experience para traer a Vigo os grandes veleiros

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, presentou o evento que se celebrará na dársena da Laxe do 24 ao 28 de xullo
O festival contará con actividades para nenos e maiores, xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos e visitas guiadas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores a terceira edición do festival Iacobus Maris Experience, que converterá a Vigo durante cinco días, do 24 ao 28 de xullo, nunha grande festa marítima. Nun acto celebrado no peirao de Portocultura, no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o comandante naval, Antonio Couce, e o director do festival, Celso Gonzñalez, a representante autonómica ratificou o compromiso do Goberno galego a esta nova edición do evento que se celebrará na dársena da Laxe.

Un ano máis e tras a grande acollida en 2022 e 2023 do festival de grandes veleiros, a Fundación Traslatio, con patrocinio da Xunta de Galicia e colaboración do Porto de Vigo, organiza este ano con numerosas actividades e talleres, acompañado por un espazo gastronómico de cociña do mar e música en directo para todos os públicos e familias.

“É para min unha honra presentar hoxe un espectáculo único que a cidade non vivía desde hai moitos anos e que grazas á implicación da Xunta podemos gozar de novo”. A delegada territorial apuntou que os grandes veleiros tamén traen peregrinos a Vigo. “Como xa sabedes, e ademais é fácil comprobar cada día, a afluencia de peregrinos disparouse neste ano 2024 (máis de 30.000 camiñantes a estas alturas) e xa se bateron todos os récords. As cifras dannos a razón e avalan o apoio da Xunta ás iniciativas para promover o espírito xacobeo”, sinalou.