TAPIAS E ORTIZ PARTICIPAN NO FALLO DO PREMIO INTERNACIONAL DE POESÍA CARLOS OROZA
A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, no acto da lectura do fallo da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, convocado pola Asociación Évame Oroza. Na sesión, celebrada na sede do colectivo en Vigo, déronse a coñecer os gañadores deste certame nas modalidades de castelán e galego, mentres que Fernández-Tapias foi a encargada de desvelar o artista galardonado co recoñecemento á mellor iniciativa musical vinculada á poesía, que recaeu no cantautor Amancio Prada.
Na súa intervención, a vicepresidenta louvou esta iniciativa cultural do colectivo vigués e salientou que o poeta Carlos Oroza “merecía que un galardón de poesía creado en Galicia levara o seu nome”. “A enorme resposta que este concurso ten acadado na súa primeira edición xa é toda unha recompensa”, destacou. Fernández-Tapias felicitou aos gañadores e de xeito especial destacou a traxectoria de Amancio Prada: “Ninguén mellor que el para poñer voz e melodía á poesía”, apuntou. Ademais, a vicepresidenta amosou o compromiso da Deputación coa cultura como “eixo de acción fundamental” do novo Goberno provincial e con especial atención a Vigo. “A cidade –concluíu- ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais”.