TAPIAS CELEBRA A RECUPERACIÓN DO LXXX TORNEO INTERNACIONAL DE TEIS, UNHA DAS PROBAS MÁIS SENLLEIRAS DO CLUB DE CAMPO DE VIGO
A vicepresidenta primeira e responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión coa directiva do Club de Campo de Vigo de cara á celebración do LXXX Torneo Internacional de Tenis, que terá lugar do 8 ao 15 de outubro.
Fernández-Tapias lembrou que o torneo conta coa axuda da institución provincial e desexou, en alusión aos tres anos de parón por mor da pandemia, “que coa nosa colaboración poidamos abrir un novo tomo no que dar fe dunha nova etapa da competición. Arrimaremos o ombro sempre para que este torneo siga sendo unha realidade”.
Tamén recordou a vicepresidenta que “en 80 anos déronse cita aquí grandes nomes como Manolo Santana, Rafa Nadal, Alberto Berasategui ou Feliciano López, e non podiamos privar o mundo do tenis, e os seus amantes desta cidade e provincia, dunha das súas citas máis importantes”. E agradeceu “a dedicación, compromiso e esforzo” da xunta directiva do club, que permitirán “que vivamos xogadas emocionantes” nunha cidade, Vigo, que é “berce de grandes tenistas como De la Puente”.