O titular da Xunta de Galicia visitou a planta de Stellantis en Vigo
RUEDA URXE AO GOBERNO A AXILIZAR E CONCRETAR VÍAS DE APOIO Á AUTOMOCIÓN GALEGA NO REPARTO DOS FONDOS EUROPEOS PARA BLINDAR O SEU FUTURO
Esixe que se corrixa “o erro” de deixar a Vigo fóra do Perte do vehículo eléctrico e conectado
Avanza que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 implicará 145M€ para impulsar o vehículo eléctrico, o corredor verde do Norte e a transformación de flotas de transporte
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxe ao Goberno central a axilizar e concretar vías de apoio á automoción galega no reparto de fondos europeos para blindar o seu futuro.
O titular do Goberno galego visitou a planta de Stellantis en Vigo acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. No percorrido pola planta viguesa asegurouse sentirse “moi honrado” de atoparse nun dos principais motores económicos e industrias “que ten que seguir tirando con forza de Galicia”.
Con ese obxectivo, Rueda comprometeuse, por unha banda, a esixir ao Goberno central que corrixa “o erro” de deixar a Vigo fóra do Perte do vehículo eléctrico e conectado e, por outra, a prestar desde o Goberno galego toda a colaboración no desenvolvemento dun proxecto vital para a economia galega. “É moito o que está en xogo”, dixo Rueda recordando o peso do sector en Galicia e en España e tendo en conta que un de cada catro coches que se ensamblan no territorio español saen de Stellantis Vigo e que, ata na pandemia, a planta mantivo o seu ritmo de traballo e rexistrou unha facturación de 11.200 millóns de euros o ano pasado, ademais de dar emprego a 23.450 persoas.
O presidente do Goberno galego reiterou que a Xunta defenderá “en todos os foros e ante todas as instancias” un trato xusto para a automoción galega. “Estamos nun momento definitorio e só gañaremos se actuamos xa”. Perante os directivos e o persoal da fábrica viguesa recordou que no seu recente encontro coa vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, subliñou a “urxencia” de definir os apoios á factoría viguesa canto antes e tendo en conta que o cen por cen dos fondos da industria están centralizados en mans do Executivo central. “Só pedimos algo tan básico como concreción e axilidade no apoio a un tecido vital para a economía galega, pero tamén para a española”.
Rueda reiterou que por parte do Goberno galego o apoio á industria da automoción será firme, tanto para os proxectos vencellados á enerxía -como a apertura dunha liña de promoción da eficiencia en pemes e grandes empresas con apoios de ata 2 millóns de euros por proxecto-, como para achegar liquidez e apoiar investimentos -polo que o Consello da Xunta aprobou a semana pasada a Axenda Financeira 2022, que aspira a mobilizar 400 millóns de euros-.
Axenda Enerxética de Galicia 2030
Ademais, para impulsar unha comunidade máis verde, o Goberno galego está a traballar nunha Axenda Enerxética de Galicia 2030, a folla de ruta para acadar a neutralidade climática no ano 2050. Un dos eixos da Axenda será o da mobilidade sostible, cun investimento total de 145 millóns para impulsar o vehículo eléctrico, o corredor verde do Norte e a transformación de flotas de transporte.
Rueda manifestouse esperanzado de que o Executivo central atenda as esixencias da Xunta cun apoio real e contundente á automoción galega, o que, sumado ao impulso ao sector comprometido polo Goberno autonómico, disipe o seu futuro e o de tantas incertezas que angustian á sociedade galega, como o prezo da enerxía e do combustible, os cambios no escenario financeiro ou a inflación.