ORTIZ DESTACA O “CRECEMENTO” E O “SALTO DE CALIDADE” DO CONCURSO VIGUÉS TALENT SHOW MEGAESTRELAS COMO ESCAPARATE ARTÍSTICO DA CIDADE

A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou este martes unha nova edición do certame, que contará este ano cunha categoría para maiores de idade
As audicións en busca do talento vigués realizaranse os catro sábados do vindeiro mes de maio no escenario de Vialia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este martes a evolución do concurso vigués Talent Show Megaestrelas (ata o de agora Pequestrelas) como plataforma de impulso para os artistas emerxentes na cidade. A representante autonómica incidiu na importancia da alianza entre o Goberno galego e o certame co obxectivo de descubrir novos talentos con acento vigués.

“O concurso demostrou de novo a súa capacidade para crecer e dar un salto de calidade coa incorporación de novas categorías”, sinalou a delegada da Xunta durante a presentación. Segundo explicou, a administración autonómica mantén o seu apoio ao Talent Show nesta nova etapa na que, tras as numerosas peticións, tamén poderán participar persoas maiores de idade

Acompañada por Kike Corbacho, promotor do evento e director da produtora galega de televisión Linea Press, Ana Ortiz convidou aos vigueses a asistir ao evento que se celebrará os vindeiros 4, 11, 28 e 25 de mayo no escenario Foodcourt de Vialia Vigo. Serán a antesala da gala final que terá lugar o 1 de xuño no mesmo lugar.

Durante a presentación do concurso na sede da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, houbo tempo para que Candela Fernández, gañadora da modalidade de canto na edición anterior, interpretara unha canción. Ademais, proxectouse o vídeo gravado nas Illas Cíes e protagonizado polo grupo xuvenil de danza gañador da última edición.

Xurado e premios

O xurado, formado por profesionais, serán os encargados de valorar aos participantes e elexir aos mellores nas categorías de canto, baile, maxia e interpretación. Os castings serán a porta aberta ao público coa limitación de aforo.

Na categoría Pequestrelas os premios serán catro becas do Conservatorio Mayeusis, gravación dun disco, carátula e sesión fotográfica, gravación dun videoclip, entradas para o Parque Acuático de Cerceda, diplomas para os finalistas e un fin de semana nas Illas Cíes con curso de buceo. E na categoría Megastrelas será a gravación dun disco, carátula e sesión fotográfica, gravación dun videoclip, diplomas para os finalistas e un fin de semana nas Illas Cíes con curso de buceo.