O PPDEG SALIENTA QUE A XUNTA ESTÁ PENDENTE DE QUE O CONCELLO DE VIGO CEDA OS TERREOS PARA INVESTIR 8 MILLÓNS DE EUROS NO NOVO IES DE NAVIA
A deputada popular subliñou que é un proxecto que conta “co firme apoio por parte do Goberno galego”
A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique salientou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está pendente de que o Concello de Vigo ceda os terreos e asine o convenio que garante os permisos municipais necesarios para investir os 8 millóns de euros previstos para a construción do novo instituto de ensino secundario de Navia.
Teresa Egerique criticou que o Goberno galego “leva esperando 10 meses para que o Concello de Vigo, no ámbito das súas competencias no eido urbanístico, informe favorablemente os diferentes documentos dos plans de desenvolvemento urbanístico que fan posible que uns terreos que eran privados pasen a ser públicos para, a partir de aí, comezar a traballar no proceso de construción do novo IES de Navia”.
PROXECTOS URBANÍSTICOS
“Levamos 10 meses de espera cando o máximo legal son tres”, concretou a deputada popular, quen considerou “inaudito que quen impide coa tramitación urbanística que se avance nos diferentes pasos de desenvolvemento dun espazo dun polígono urbanístico, á súa vez diga que non se fai o instituto pola Xunta”.
Egerique explicou que “estamos na fase de proxectos de urbanización, é dicir, o trámite necesario para construír as novas rúas, facer o saneamento, o abastecemento de augas, o alumeado público, a rede eléctrica e de gas, os aparcamentos ou as zonas verdes”. “Unha cuestión imprescindible para poder facer as 1.600 vivendas e tamén para a construción do novo instituto”, concretou.
A deputada popular incidiu que o IES de Navia “é un proxecto que conta co firme apoio do Goberno galego, ata o punto de que os orzamentos da Consellería de Educación para este ano teñen reservado unha partida económica para a redacción do proxecto construtivo, de acordo co Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia”.
Así mesmo, afirmou que “os socialistas non están autorizados para falar de investimentos educativos en Vigo porque, á marxe das trabas que están a poñer para a construción deste instituto, botaron abaixo o proxecto para poñer en marcha un campus de formación profesional nada máis chegar ao goberno da Zona Franca”.