O albergue de Vigo levará o nome de Juan Manuel López-Chaves, un dos artífices do recoñocemento internacional do Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro valorou o traballo do fundador e presidente de honor da Asociación dos Amigos dos Pazos para impulsar e difundir o Camiño Portugués e, especialmente, o Camiño Portugués da Costa, que pasa por Vigo
Os albergues públicos, incluído o de Berbés, abrirán cando se recupere o tránsito de peregrinos

O vicepresidente primeiro da Xunta anunciou hoxe en Vigo que o albergue de peregrinos que se vai abrir en Berbés levará o nome de Juan Manuel López-Chaves Meléndez, en recoñecemento ao labor feito polo fundador e presidente de honor da Asociación dos Amigos dos Pazos como impulsor do Camiño Portugués e un dos artífices do recoñecemento internacional do Camiño de Santiago.

A Xunta tivo en conta a petición feita pola Asociación dos Amigos dos Pazos, avalada por unha trintena de entidades e persoeiros de Vigo, para que o primeiro albergue público da cidade olívica recoñeza a figura de López-Chaves Meléndez, quen impulsou o Camiño Portugués, que hoxe é a segunda ruta máis frecuentada polos peregrinos, e recuperou o valor histórico da variante da Costa, o único dos itinerarios oficiais que pasa por Vigo. O seu incansable labor de pescuda histórica e promoción do fenómeno xacobeo foi fundamental para que, no ano 1987, o Camiño de Santiago fose declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Alfonso Rueda recoñeceu que grazas ao traballo de persoas como Juan Manuel López-Chaves, o Camiño de Santiago formaba parte hoxe dos tesouros máis prezados non so dos galegos, senón de todo o mundo, de aí o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Na homenaxe no albergue do Berbés, o vicepresidente primeiro subliñou o pulo social e económico que para unha cidade como Vigo supón ter unha ruta oficial do Camiño, e máis neste Ano Santo tan especial no que o Xacobeo pretende ser o motor da recuperación económica de Galicia. Por iso, subliñou que era necesario “recoñecer o labor dos que o viron antes”.

A Xunta leva tempo traballando para acondicionar as rutas e os albergues públicos perante un Ano Santo que agora semella activarse da man dos datos epidemiolóxicos. Fíxoo coas medidas de seguridade e hixiene implantadas nos albergues, coas melloras no Camiño e o sinalización dos itinerarios; no caso de Vigo, tras un acordo cos hostaleiros para colocar as indicacións nos seus establecementos, ante a negativa do Concello a permitilo nas rúas da cidade. Ese esforzo débese a que Administración galega é consciente dos beneficios que aporta o Camiño en toda Galicia e, especialmente, na cidade de Vigo.

O albergue de Vigo está xa listo para acoller peregrinos, como os demais albergues da rede pública de Galicia, a súa reapertura vai depender da afluencia de camiñantes. De momento seguen pechados para facilitar a recuperación dos establecementos privados, pero abrirán as súas portas en canto se incremente a demanda.