MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS INVITA Á CIDADANÍA DE VIGO E DA SÚA ÁREA METROPOLITANA A DESFRUTAR DO CERTAME DE RONDALLAS DO VINDEIRO 14 DE XANEIRO
A sexta edición deste evento reunirá no IFEVI de Vigo a 15 agrupacións de seis concellos integradas por máis de 1.200 persoas
A vicepresidenta primeira e deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou na presentación do VI Certame de Rondallas do Área Metropolitana de Vigo animando a toda a cidadanía de Vigo e da súa contorna a desfrutar o vindeiro 14 de xaneiro deste evento que se celebrará no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), e que reunirá a 15 agrupacións de seis concellos diferentes integradas por máis de 1.200 persoas. “Este é un evento único que ao longo dos últimos anos se ten convertido nunha das citas musicais máis tradicionais e populares do Nadal da nosa contorna”, asegurou, ao tempo que confirmou que o do día 14 no IFEVI “non só porán sobre o escenario un fantástico espectáculo senón que farán que poidamos sentir a paixón que todos eles teñen por esta tradición musical única, que cultiva e preserva a nosas raíces e contribúe a difundir a nosa cultura”.
A vicepresidenta provincial subliñou o apoio da Deputación á hora de impulsar e promocionar a cultura “sobre todo a tradicional, este legado valioso, tanto para Vigo como para o conxunto da provincia e de Galicia, do que forman parte as rondallas. É para min unha alegría ver como xeración tras xeración, estas agrupacións seguen desfrutando dunha gran vitalidade e dunha gran atención por parte do público”. Neste aspecto, Fernández-Tapias lembrou o novo plan de apoio ao sector cultural da entidade provincial: Culturea, “un programa pensado para apoiar tanto ás entidades sen ánimo de lucro como ás agrupacións que mantendes viva a cultura popular e as tradicións en toda a provincia, dotado con máis dun millón de euros para atender ás vosas demandas e para que continuedes enchendo de luz e cor as aldeas e barrios de Vigo e da súa área de influencia”.
O Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo reunirá 15 agrupacións o vindeiro 14 de xaneiro no IFEVI, fronte ás 14 da quinta edición: cinco de Vigo (Valladares, Beade, Helios de Bembrive, Zamáns e Freixo), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada) e unha de Tui (Peixegueiro). O aforo total para desfrutar do espectáculo, que reunirá a 1.200 rondalleiros, será de 7.000 persoas.