ANA ORTIZ FELICITA AO COLEXIO HOGAR NO SEU 75 ANIVERSARIO E DESTACA AS SÚAS ACHEGAS A VIGO “COMO CENTRO DE REFERENCIA” PARA A FORMACIÓN PROFESIONAL
A delegada da Xunta en Vigo participou este martes nos actos de celebración do centro xestionado por Afundación e os Salesianos
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes nos actos de conmemoración do 75 aniversario do Colexio Hogar Afundación celebrados no auditorio das instalacións educativas da rúa Filipinas.
A representante autonómica destacou durante a súa intervención o carácter “integrador” do centro escolar polo que xa pasaron miles de alumnos desde o seu nacemento. “Desde a Xunta e desde toda a cidade, estamos moi agradecidos a Afundación e aos Salesianos porque é un lugar no que se forman un enorme número de alumnos de todo perfil, polo que é unha referencia profesional para Vigo”, sinalou Ortiz.
Ademais, destacou que desde o ano 1948, o Colegio Hogar fixo “importantes achegas” á cidade con técnicos cualificados para as principais empresas. Tamén salientou que no centro impártense un total de 9 titulacións de ciclos formativos, seis de grao medio —Preimpresión dixital, Impresión gráfica, Soldadura e caldeiraría, Mecanizado, Instalacións eléctricas e automáticas e Instalacións de telecomunicación— e tres de grao superior —Programación da produción en fabricación mecánica, Automatización e robótica industrial e Mantemento electrónico—.
O acto contou coa presenza de Pedro Otero, director xerente de Afundación; Fernando García Sánchez, inspector provincial da Inspectoría Salesiana de «Santiago o Maior»; así como tamén antigos alumnos e profesores, que acompañaron o claustro e os estudantes actuais.