Luisa Sánchez fai entrega dos premios do XI Certame de Relatos Vigo Histórico na sede da Deputación en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres no acto de entrega do XI Certame de Relatos Vigo Histórico organizados pola Editorial Elvira co apoio da institución provincial. No acto, que se celebrou na sede de Vigo da Deputación, a vicepresidenta provincial puxo en valor o “grande éxito de acollida e a gran calidade das propostas gañadoras”, da autoría de Marcos López Concepción e Miguel Vázquez Vigo. “A nosa cultura está vivindo un momento singular con recoñecemento do público e da crítica: debemos protexer o sector cultural, unha maneira de colaborar cun sector produtivo que crea economía e á vez de protexer un legado histórico que nos define”, sinalou a vicepresidenta.

Luisa Sánchez comprometeu o apoio da institución á Editorial Elvira para seguir consolidando o certame, e agradeceu ao seu persoal os once anos que leva “traballando para que esta cidade conte cun legado literario que a sitúa no centro da acción e nos permite ver a súa potencialidade a nivel artístico”. A vicepresidenta lembrou o compromiso da Deputación coa cultura, “un dos departamentos que máis verán incrementado o seu orzamento en 2025 cun 14% máis de recursos e 5,4 millóns de euros”.