A Xunta investirá en 2025 preto de 4 millóns de euros en dez obradoiros duais de formación para desempregados da Área de Vigo

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, clausurou este venres o curso Vigo Capacita IX que contou con 20 alumnos e alumnas
Destaca o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de “cualificación orientada a cubrir as demandas reais” das empresas da contorna

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o obradoiro de emprego de formato dual Vigo Capacita IX, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas durante doce meses, e que conta cun investimento de 531.046 euros por parte da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Durante a visita ao Centro Veciñal e Cultural de Valadares, onde se levou a cabo o curso, a representante autonómica destacou o “compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego e un tipo de formación de calidade”, enfocada a “cubrir as demandas reais das empresas” da contorna. Ademais, confirmou que haberá unha nova edición do obradoiro e que a Xunta investirá 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo.

No caso concreto de Vigo Capacita IX, os participantes recibiron desde novembro de 2023 a novembro de 2024 formación nas especialidades de cociña e servizos de restauración, elaborando menús para o comedor social “La Sal de la Tierra”, para actos organizados pola Fundación Érguete-Integración ou o propio Centro Veciñal e Cultural de Valadares, entre outras actividades que incluiron almorzos saudables, degustacións e difusión de receitas nas redes sociais.

Ademais da cidade olívica, que repetirá en 2025 con Vigo Capacita X, a delegada indicou que xa están aprobadas novas achegas de 441.928 euros para outra edición do obradoiro Coidando o Miñor IV, concedidos a través da Mancomunidade do Val Miñor, e outros 205.964 euros para o IV Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes.

Tamén Mos promoverá a iniciativa Queda en Mos III; Salceda de Caselas contará co curso Recuperación do Legado Patrimonial; Salvaterra de Miño terá o Salvaterra Emprega IV; Cangas celebrará Granxa da Rúa XIII; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.