FERNÁNDEZ-TAPIAS: “XA ESTAMOS PREPARADOS PARA ABRIR A NOVA ESTACIÓN DE AUTOBUSES EN CANTO O CONCELLO REMATE OS APEOS DO ASCENSOR HALO”
A delegada da Xunta en Vigo e o director xeral de Mobilidade visitaron este martes a intermodal viguesa xunto a responsables das concesionarias do transporte
A represente autonómica avanzou que o Goberno galego xa iniciou o proceso de traslado da estación e comezou as reunións para coordinar o cambio
“A apertura da estación no centro de Vigo vai a supoñer unha mellora importantístima para os usuarios”, sinalou
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidades, Ignacio Maestro, visitaron este martes a novas instalacións da Estación Intermodal de Autobuses de Vigo, rematada hai cinco meses cun investimento de 18 millóns de euros, xunto aos responsables das principais empresas concesionarias do transporte público.
A represente autonómica avanzou que o Goberno galego xa iniciou o proceso de traslado da estación e comezou as reunións para coordinar o cambio. “Estamos preparados para abrir a estación de forma inmediata á finalización das obras do Concello de Vigo, que se prevé para este mes de novembro, e á apertura do túnel de Lepanto”, sinalou.
“Polos prazos comunicados na comisión de seguimento para acabar as obras dos apeos do HALO e as noticias aparecidas en prensa sobre apertura do túnel de Lepanto, creemos que o Concello están rematando e ante esta posibilidade iniciamos o proceso para estar preparados”, engadiu Fernández-Tapias.
Lembrou tamén que desde o Concello de Vigo non responderon a ningunha das cartas enviadas os pasados 26 de xuño e 28 de xullo) para coñecer as datas nas que acaban as súas obras de accesos, sen os que é imposible abrir a estación.
Mellora para os usuarios
A delegada territorial explicou que debido ás obras do ascensor HALO será necesario un desvío provisional en entrada e saída de autobuses para evitar as cimentacións provisionais coas que o Concello vai a construír o elevador. “A apertura da estación no centro de Vigo vai a supoñer unha mellora importantístima para os usuarios”, indicou.
Percorrido pola estación
Durante a visita, a delegada territorial e o director de Mobilidade fixeron un percorrido xunto aos representantes dos concesionarios polo interior e exterior da estación. As principais empresas responsables do transporte comprobaron que as novas instalacións xa están totalmente rematadas. Ademais, tamén puideron comprobar que os accesos á intermodal están actualmente taponados polas obras municipais.
A estación de autobuses intermodal de Vigo, que permitirá albergar dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, será o novo nó de viaxeiros do sur da comunidade tras un investimento de 18 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.