FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA O CEE SALADINO CORTIZO, O ÚNICO CENTRO EDUCATIVO DE GALICIA CON FP DUAL PARA O ALUMNADO CON NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS
Segundo indicou a delegada territorial da Xunta en Vigo, a implantación desta modalidade no centro vigués permite incorporar a formación na empresa no ciclo de Xardinería e viveirismo que actualmente cursa o alumnado con atención específica
Dos 17 alumnos matriculados, tres están a completar a súa formación con prácticas en ADOA Centro de Xardinería e Jardines y Más
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este mércores ao alumnado con necesidades educativas especiais do CEE Saladino Cortizo que está a completar a súa formación no ciclo de Xardinería e viveirismo.
Segundo indicou a representante autonómica, a implantación da FP Dual no centro vigués permite incorporar a formación na empresa para o alumnado con atención específica que actualmente cursa este ciclo, convertendo ao Saladino Cortizo no primeiro centro destas características en Galicia.
“Unha magnifica opción para a incorporación á vida adulta para este colectivo de alumnado”, en palabras da delegada territorial que, non obstante, incidiu na importancia da FP Dual e a relación coas empresas como “a principal opción de futuro para a Formación Profesional”.
“Trátase de avanzar no nivel de cualificación do alumnado da FP galega en situacións de traballo reais, ao tempo que se facilita que as empresas impartan aos estudantes formación personalizada e adaptada ás necesidades concretas do seu funcionamento como compañía”, anotou.
No caso do ciclo de Xardinería e viveirismo, que actualmente cursan 17 alumnos con necesidades educativas especiais, tres completan a súa formación con prácticas nas empresas viguesas ADOA Centro de Xardinería e Jardines y Más.
O obxectivo deste proxecto experimental, que se implantou a petición do propio centro, tal e como sinalou Fernández-Tapias, é “ofertarlle ao alumnado unha formación na que as prácticas en empresas sexan o núcleo da ensinanza e posibiliten a súa incorporación ao mercado laboral”. Ao fío, a delegada agradeceu ás empresas pola súa implicación, especialmente nos casos do alumnado que precisa dunha atención específica.
Esta modalidade educativa está sufragada por unha bolsa da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), que se ocupa de realizar todas as xestións do contacto coas empresas e contratación do alumnado.