FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O ÉXITO DAS POLÍTICAS DA XUNTA NA CONQUISTA DUNHA IGUALDADE REAL E EFECTIVA

A delegada territorial da Xunta en Vigo, , Marta Fernández-Tapias, participou hoxe nun encontro con mulleres emprendedoras viguesas ás que identificou como o espello no que poderán mirarse as novas xeracións
Reafirmou o compromiso do Goberno galego co fomento de accións que contribúan a mellorar os avances logrados e a afianzar o recoñecemento e a participación da muller na sociedade nas mesmas condicións que os homes
Emprazou a recoñecer as aportacións de todas as mulleres, a ser inconformistas e esixir máis cambios para a consecución da plena igualdade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe un encontro con mulleres emprendedoras viguesas no marco do acto organizado pola Delegación Territorial de Vigo con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller.

Na súa intervención, a representante autonómica emprazou a recoñecer as aportacións de todas as mulleres e nenas, “a ser inconformistas e esixir máis cambios para a consecución da plena igualdade”. Reivindicou así os importantes avances logrados, ao tempo no que indicou que non son menores os retos e desafíos que se presentan a futuro.

“Un futuro no que a muller poida ocupar espazos públicos e privados en igualdade de condicións; un futuro sin divisións sexistas, sin discriminación ou calquera tipo de violencia; un futuro de plena inclusión desde a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade; en definitiva, un futuro onde a equidade sexa capaz de corrixir os desequilibrios que aínda existen na actualidade”, abundou.

E neste contexto, identificou a Sara, Marina, Rosario y María, embaixadoras das 155.203 mulleres viguesas que hoxe reivindican o 8-M, como o espello no que poderán mirarse as novas xeracións. “Sodes unha motivación e o exemplo de que con paso firme seguimos derribando barreiras na consecución efectiva da plena igualdade”, aseverou dirixíndose a elas. “Un principio orientador que debe guiarnos a todas e todas no recoñecemento da participación das mulleres na sociedade nas mesmas condicións que os homes”, dixo.

Nesta mesma liña, Fernández-Tapias destacou o éxito das políticas da Xunta na conquista dunha igualdade real e efectiva e reafirmou o compromiso do Goberno galego co fomento de accións que contribúan a mellorar e afianzar este avances.
Como mostra do traballo da Administración autonómica neste ámbito, detallou os plans de formación e emprego con incentivos de discriminación positiva para as mulleres ou apoios crecentes á conciliación laboral e familiar, co fin de minimizar as dificultades que adoitan atopar ás mulleres para manterse ou reinserirse ao mercado de traballo pola dedicación que invisten á familia.

Asemade, Fernández-Tapias referiuse a nova lei autonómica de igualdade entre mulleres e homes, que verá a luz este mesmo ano 2022, e permitirá adaptar a lexislación ao contexto socio-laboral actual e ir da man na profunda transformación que está a acontecer na nosa contorna. “Con esta nova norma preténdese lograr unha maior concienciación das persoas traballadoras e o tecido empresarial, guiando as súas boas prácticas para eliminar por completo calquera manifestación de  discriminación múltiple e mellorar o benestar laboral da muller galega”, anotou.