FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA AS OBRAS DA ASOCIACIÓN VECIÑAL DE SAIÁNS E DESTACA O PAPEL ACTIVO DA XUNTA NA MELLORA E DINAMIZACIÓN DA VIDA LOCAL
A delegada territorial cifrou en preto de 741.000 euros o reparto de axudas a 56 entidades veciñais e comunidades de augas beneficiarias na área viguesa
“Mediante estas achegas contribuímos a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza con medidas que redundan na mellora do benestar dos cidadáns”, dixo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o local social da Asociación veciñal, cultural e deportiva San Xurxo de Saiáns para comprobar as obras que se están a realizar co apoio do Executivo galego e nas que se están a investir máis de 10.600 euros. A intervención contempla melloras na accesibilidade interior e intervencións no salón de actos, albergue e aseos do local.
O proxecto desenvolveuse ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que tal e como recordou a delegada no caso da área viguesa beneficiou na convocatoria actual a 56 entidades, entre as que se repartiron 741.000 euros.
O reparto do orzamento destina 649.000 euros a obras e 92.300 euros a equipamentos. Deste total, 240.000 euros distribuíronse entre 12 asociacións veciñais e 5 comunidades de usuarios de augas da cidade de Vigo.
“Mediante as axudas deste plan de actuacións contribuímos –dixo- a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza con medidas que redundan na mellora do benestar dos cidadáns e na calidade de vida local”, sinalou Fernández-Tapias, ao tempo no que incidiu no papel activo da Xunta na dinamización do movemento veciñal.
Segundo apuntou, as achegas supoñen no caso da área territorial de Vigo un incremento do 19% respecto a 2021, ano no que resultaron beneficiarias 43 asociacións de veciños e comunidades de augas cun importe de 600.000 euros.