A XUNTA CELEBRA O DÍA DA BIBLIOTECA EN VIGO CON CONTACONTOS, VISITAS GUIADAS E EXPOSICIÓNS
Co gallo desta efeméride que se celebra o luns 24 de setembro, o centro xestionado pola Consellería de Cultura en Vigo organiza actividades para todos os públicos
Desde as 12,30 ata as 18,00 horas desenvolverase unha xornada de portas abertas para dar a coñecer os servizos, fondos e actividades á cidadanía
A programación complétase cun contacontos para rapazada a partir de catro anos, unha exhibición de carteis e unha mostra bibliográfica
A Xunta de Galicia impulsa unha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para celebrar o Día das bibliotecas este luns, 24 de outubro. Co gallo desta efeméride, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel acollerá actividades para todos os públicos que inclúen desde a un contacontos ata visitas guiadas, unha exhibición de carteis e unha mostra bibliográfica.
Este luns, desde as 12,30 horas ata as 18,00 horas, a biblioteca desenvolverá unha xornada de portas abertas con visitas guiadas co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos, fondos e actividades a toda á comunidade. Ademais de visitar os distintos espazos da biblioteca, os participantes tamén poderán coñecer o funcionamento do catálogo automatizado a través dos exemplos de procuras bibliográficas do persoal técnico.
Para o público infantil a biblioteca de Vigo tamén acollerá, ás 18,30 horas, o contacontos Un paseo pola casa do maxín a cargo de Cucarandainas e dirixido a rapazada a partir de 4 anos. Nesta iniciativa a biblioteca convértese, a través dos libros, nun gran parque temático no que gozar de diferentes historias.
A programación deseñada para esta data inclúe dúas exposicións. A primeira delas, Palabra de biblioteca: pregóns e carteis do Día das Bibliotecas, repasará os diferentes carteis conmemorativos que se fixeron desde que comezou a celebrarse esta efeméride, no ano 1997. Trátase dunha escolma de traballos de recoñecidos profesionais da ilustración na que tamén se lembran discursos e pregóns sobre o labor das bibliotecas. A mostra está dispoñible ata o día 30 deste mes e dirixida a todos os públicos.
Por último, a exposición bibliográfica Libros acompañados, xa dispoñible desde o día 18, recolle unha selección de libros con peluches inspirados nos contos para os máis novos da casa. Poderá verse ata o 2 de novembro.