FERNÁNDEZ-TAPIAS SALIENTA O “CARÁCTER DIVERSO E INCLUSIVO” DO  NOVO PROXECTO “SOMOS 2” DA FUNDACIÓN IGUALARTE “NA BUSCA DUNHA SOCIEDADE MÁIS XUSTA”

A delegada da Xunta en Vigo e o director xeral de Persoas con Discapacidade participaron na presentación da nova iniciativa
Un grupo de usuarios do centro ocupacional poñen música a cancións grazas ao proxecto dirixido polo músico vigués Paco Serén

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participaron este mércores na presentación do proxecto “Somos 2” da Fundación Igualarte. A nova iniciativa da entidade social, que conta un ano máis co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude, permite que un grupo de usuarios do seu centro ocupacional poñan música a cancións gravadas polo grupo Chungo Pastel, do que forman parte persoas con diversidade funcional.

Fernández-Tapias destacou a importancia da labor que realiza Igualarte na formación de persoas con discapacidade cara un futuro profesional relacionado coas artes. Tamén apuntou que este tipo de propostas contribúen a darlle visibilidade e a valorar como se merecen o enxeño e creatividade destas persoas.

“Felicidades pola labor que levades facendo durante estes últimos 20 anos, nos que aproveitades as artes para expresar o que se sinte e así desenvolver as cualidades das persoas para facer unha sociedade máis diversa, inclusiva e xusta”, sinalou a representante autonómica.

A delegada puxo en valor o traballo que levan a cabo as entidades que traballan no ámbito da atención á discapacidade para mellorar o benestar e a calidade de vida deste colectivo, xa que lles axudan a desenvolver ao cen por cen as súas habilidades e capacidades.

Proxecto “Somos 2”

Nesta nova edición do proxecto “Somos” a Fundación Igualarte aposta pola creación dun repertorio oficial para o grupo de pop-rock Chungo Pastel. Esta agrupación avoga por unha integración real, xa que se trata dun grupo formado por persoas tanto con diversidade funcional como sen ela, sendo isto un elemento máis dentro da súa singularidade.

Este repertorio constará de 10 cancións, as cales estarán producidas polo compositor profesional Paco Serén e gravadas nun estudo musical. Todo iso materializarase na creación do seu propio disco.

Centro ocupacional

O centro ocupacional de Igualarte oferta desde 2021 cinco novas prazas financiadas pola Xunta, ata chegar a un total de 19 prazas subvencionadas nestas instalacións e que supoñen un investimento de máis de 120.000 euros ao ano.