FERNÁNDEZ-TAPIAS, PUENTE E GONZÁLEZ ABEIJÓN ASISTEN Á GALA SOLIDARIA CONTRA O CANCRO INFANTIL ORGANIZADA POR BICOS DE PAPEL
A Unidade de Oncoloxía Pediátrica da Área Sanitaria de Vigo do Álvaro Cunqueiro atende ao ano a 150 menores diagnosticados e o Hospital de Día a unha media de 8 pacientes de forma ambulatoria
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, achegáronse hoxe ata o Teatro Salesianos para asistir a V Gala Solidaria contra o cancro infantil organizada por Bicos de Papel e dirixida a recadar fondos para os seus proxectos sociais.
Tanto Fernández-Tapias como Puente coincidiron en destacar que o diagnóstico precoz e o tratamento nas unidades asistenciais con experiencia están detrás da notable mellora das taxas de supervivencia do cancro infantil, que se sitúan xa no 80%.
Incidiron así na importancia de protocolizar o tratamento e o seu seguimento e de apoiar ás familias e aos nenos na escolarización e na reinserción posterior a súa vida, ao tempo no que lanzaron unha mensaxe de esperanza aos que están a loitar contra esta enfermidade. “Se trata de prestar unha atención integral dando tamén cobertura ás necesidades psicosociais dos pacientes con cancro”, anotou Fernández-Tapias.
Segundo informaron, na Unidade de Oncoloxía Pediátrica da Área Sanitaria de Vigo do Álvaro Cunqueiro se atenden ao ano a 150 menores diagnosticados, na meirande parte dos casos en fase de seguimento en consulta tras finalizar o seu tratamento no hospital. No caso do Hospital de Día Pediátrico, aténdense de forma ambulatoria unha media de 8 pacientes.