FERNÁNDEZ-TAPIAS INAUGURA O CONGRESO ACCIÓN E IMPLICACIÓN ORGANIZADO POR EMPRESARIAS DE GALICIA

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou na sede de Afundación en Vigo na inauguración do “VII Congreso Empresarial Acción e Implicación” organizado por Empresarias Galicia.

Durante a súa intervención, a vicepresidenta puxo en valor esta cita na que se “tecen redes de colaboración” e pode escoitarse “a mulleres, de diferentes ámbitos empresariais, contar e compartir as súas experiencias, realizar as súas aportacións, explorar oportunidades e explicar a súa contribución ao conxunto da sociedade”.

Tamén subliñou a importancia do congreso para as novas xeracións, que precisan ter referentes. “É moi difícil que as nosas nenas soñen con ser emprendedoras, con montar a súa propia empresa, con xestionar o seu negocio, se descoñecen que outras antes o fixeron. Por iso ter referentes, que as nenas medren rodeadas de referentes, é tan necesario no camiño para conseguir a igualdade real e efectiva e que, en consecuencia, esta provincia vaia a máis”.

Neste aspecto a vicepresidenta manifestou o compromiso da Deputación de Pontevedra coa igualdade, “deixando a un lado a palabrería ou a confrontación para poñer en marcha medidas efectivas encamiñadas a conseguir este obxectivo”, e estendeu a colaboración da institución provincial a “todas aquelas iniciativas encamiñadas a conseguir unha sociedade realmente igualitaria”.